Comezo esta semana cunha nova ben curiosa: nos países con maior índice felicidade nacional, os cidadáns que perciben a presión social para ser felices informan dun menor benestar que os dos países con menor felicidade nacional (paper académico aquí). Básicamente, que se o teu país é feliz, a presión por ser feliz é maior, e cansa.

E quería comezar por aquí para reivindicar, de novo (para os que me coñecedes máis de cerca) o dereito á tristeza.

Na miña época de estudante, aquela na que consumín máis libros e películas con avidez e melancolía, descubrín un concepto fascinante que explicaba moito da (miña) adolescencia: “Mono no aware” que viña sendo a tristeza de todas as cousas, algo así como a versión xaponesa do “tempus fugit” e a melancolía que rezuma en todos os aspectos da vida.

A ver, non é unha apoloxía da tristeza, pero carai, esta necesidade de ser/estar felices todos os días é insoportable. Teño dereito á tristeza. E punto.

E agora, as novas da semana.

PUBLICIDADE. Australia ponlles couto a influencers que se infrinxan as leis sobre asesoramento financeiro. Aplaudo a medida e estaría ben que se importase en Europa. Isto estaría ben para parar a algúns cripto-petardos.

RENTA2021. Falano de cripto, este ano terás que declaralas na Renta. Este artigo inclúe unha explicación sobre a casiña da declaración correspondente. Existe obrigación de declarar se superas os 1000€ de ingresos con cripto, e ata os primeiros 6000€ de ganancia aplícaselles unha retención do 19%.

Sobre o de RUSIA E UCRAÍNA, este rastreador dos oligarcas rusos.

NASA. Chegamos xa a localizar 5.000 exoplanetas. E os que quedan por descubrir. Cando era pequeno soñaba con ser astrónomo. O que nunca perdín foi a ilusión de saber, algún día, da existencia de vida máis aló do noso planeta. É incrible o que aprendemos en menos de 500 anos de observación astronómica.

EMPREGO. Linkedin ven de publicar un informe sobre o futuro das habilidades laborais. Moi interactivo e interesante, case recomendable para o meu alumnado, a verdade.

Sobre emprego, vaia a que ven de presentar o meu admirado David Bonilla: Un CV de código aberto en formato JSON que promete a universalidade: actualizalo nun lugar, e que se repliquen os cambios naquelas plataformas onde o teñas dado de alta. Treme, infojobs, ou SEPE! ;-)

CONTAMINACIÓN LUMÍNICA. Este artigo explica de xeito claro como axudar a reducir a contaminación lumínica cun alumeado axeitado. Sempre me preocupou este tema, xa dende que vivía no pobo (precisamente porque o alumeado non me deixaba ver as estrelas, volve a tres parágrafos máis arriba para entendelo) porque non entendía que carai facían as luces alumenado “para arriba” se o que tiñan que alumear estaba no chan. Tampouco entendía – nin entendo – por que a iluminación era sempre amarela-alaranxada (consumo? protección da fauna?)

Audiocousas

Musica lofi para traballar. En lofi.limo. Moi agradable.

Academiña

Este estudo sobre os usuarios menos activos de Twitter, os que so entran “a ver que hai” resultoume ben curioso. Son maiores (entre 30 e 49 anos) entre outros datos de interese que podes consultar na web do Pew Reasearch Centre.

Caixón de-sastre

Un wordle en excel. Podes atopalo en Github

Webs de manualidades. Ideais para nenos. Ou procastinar.