Lía onte pola tarde un artigo sobre a profesión do SEO que me provocou moito noxo. Non tanto polo contido en si, que era moi interesante, senón pola “apoloxía” que fai da profesión do AUTÓNOMO para con este sector laboral. E gustaríame desmitificar un pouco esta figura, que xa cansa tanto emprendemento, tanta start-up e tanto falso apoio ao emprendedor.

Estas eran as supostas vantaxes:

  • Se puede trabajar en casa.
  • No se necesita una gran inversión.
  • No hay gastos de alquiler de un local, luz, agua, teléfono, etc.
  • No es necesario que compres (productos) para revender, como por ejemplo una frutería, zapatería, etc.
  • Trabajas en lo que te gusta.
  • No tienes jefe.

Creo que o mellor é ir unha por unha para reflexionar sobre que en realidade encerra o mundo da “autonomía”.

“Se puede trabajar desde casa”

Certo! Podes traballar dende casa pero… permitídeme lembrar que unha boa parte do sector servizos se pode facer dende casa. Oíches falar do teletraballo? Non está unicamente vencellado aos autónomos. De feito, unha das aplicacións prácticas máis sinxelas da teoría do “decrecemento” consiste en negociar días de traballo dende a túa casa.

Dende logo, traballar diante do ordenador en pixama, madrugar menos, non ter atascos… é tentador. Pero tamén ten o seu lado negativo. O noso cerebro necesita un período de desconexión; ese tempo que recorremos de casa ao traballo serve para que non asociemos traballo e ocio, como pode chegar a pasar co teletraballo. É preciso ser moi disciplinado co teletraballo: marcarse horarios (porque traballas máis da conta… ou procastinas máis do que che gustaría!), ter un espazo SO para traballo… non todo o mundo é capaz de organizarse, nin ter os recursos precisos.

Lembro cando me fixera autónomo que os primeiros meses a miña vida era levantarme da cama e sentarme na mesa da habitación, ir a comer, mesa habitación, durmir… e así. E iso non é vida.

No se necesita una gran inversión.

Non… se tes teléfono, ordenador, conexión a internet… ou iso non é unha inversión? E posiblemente queiras un ordenador bo, e un smartphone de gama alta, e unha conexión a internet potente… porque falamos de traballo, e entón xa non che valen as cousas pequenas como che serven para o teu ocio… (non entro a valorar este pensamento, pero está moi extendido).

Así que, non, non precisas un investimento forte, pero GHASTO, GHASTO, hai.

No hay gastos de alquiler de un local, luz, agua, teléfono, etc.

Hai menos gastos, pero hainos, porque non che vale calquera conexión a internet, nin un teléfono sen tarifa de datos, e algún software terás que mercar, e ter a túa oficiniña na casa… porque nalgún lado tes que traballar. Non traballas na cocina. Nin na habitación (non deberíades, facédeme caso!)

No es necesario que compres (productos) para revender, como por ejemplo una frutería, zapatería, etc.

Iso é certo, ata que te metes no mundo reseller, ou tes que adiantar algo a un cliente… e tardas en cobralo.
Porque é habitual que algúns proxectos medren, e teñas que asumir algún produto que ti tes que pagar, pero non vas a cobrar ata que o cliente final pague. Iso é así.

Trabajas en lo que te gusta.

Fai falta ser autónomo para isto? Quero dicir… os asalariados non traballan no que lle gusta?
Vou máis lonxe, todos os traballadores autónomos traballan no que lles gusta? Poderíamos falar cos comerciais, a ver que din eles…
En serio, non fai falla ser autónomo para traballar no que a un lle gusta. Iso de que o autoemprego é a liberdade… é unha falacia moi común para convencerte dunha perda de dereitos máis que evidente.

No tienes jefe.

Esta é a maior falacia (e parvada) de todas. De feito, substitúes un único xefe por un mal disciplinado xefe (no mellor dos casos) que es ti mismo, ou ducias deles (no peor dos casos) que son os teus clientes. Porque estarás debaixo deles, mentres os necesites para comer. Falsos autónomos. Alguén oíu falar diso?

 

Desmitificar ao autónomo.

Dende logo, son consciente de que é unha posición moi catastrofista… pero estou canso do “emprendemento” actual que azuza aos mozos para que se fagan autónomos, sen estar preparados para selo de verdade…

Se estás pensando en facerte autónomo, pensa que o luns traballas para Hacienda, en forma de IVE (21%), e o martes traballarás para… Hacienda tamén! (en forma de IRPF, outro 21%) e, do mercores ao venres, durante todo o mes, terás que gardar 256 euros mensualmente para pagares o seguro de autónomo; a túa cotización para a seguridade social. Así que, se queres ser mileurista, xa podes comezar por facturar uns 1.800 euros ao mes, brutos. É un consello dun desemprendedor.

 

3 respostas

  1. Creo que non se pode describir mellor a realidade do “autoemprego” e dos “emprendedores”. Todo este discurso lémbrame á época dos emigrados do XIX: si, habíaos que volvían co seu traxe impoluto e creaban escolas nas aldeas. Pero máis os había que quedaban no camiño.

    Traballar na casa máis que un beneficio para min é un obstáculo non só polo que dis -que tamén- senón porque por moi disciplinado que sexas, o teu horario tampouco o pos ti. Tes clientes que, ante todo, non queres perder. O día que respondes un correo ás 23:30 estás condenado a respondelo sempre. O día que estás no ordenador á unha da mañá, o mesmo.

    Tamén está en que os clientes non veñen por ti: tes que saír buscalos. Por moi chusquiña que teñas a web e por moi ben que funcione o skype, hai reunións, hai desprazamentos, hai xantares, hai ceas, hai cousas que cubrir fóra e todo iso tamén suma á listaxe de gastos.

    O discurso do emprendemento está feito para rematar con todos eses “privilexios” que para algúns son os dereitos laborais. Emprende, sé o teu propio xefe, traballa no que te gusta e en zapatillas! Pero vai esquecéndote de poñerte enfermo, descansar sábado e domingo e festivos, aproveitar as pontes, ter vacacións dun mes ou pechar a oficina ás 7 da tarde porque non o vas facer: o que cobres dependerá do que traballes e sempre terás traballo por facer. Sempre terás clientes por satisfacer e aos que non lle podes dicir que se esqueza dun proxecto porque non pensas abrir o ordenador durante a fin de semana.

    Emprender pode ser unha boa saída para alguén que ten moito que ofrecer e o mercado laboral está saturado. Pero tes que ser consciente de que vas ter que renunciar a moito e tamén a cobrar moito menos do que cobrarías traballando nunha empresa.

    Perdón polo comentario que case é como un “post” :P
    Parabéns polo artigo!

    1. Iván, tiña en mente unha segunda parte do artigo comentando (moitos) puntos que citas pero… o teu comentario é sinxelamente brillante. É un post.

      E o que máis me entristece é que non che falta razón neso dos “privilexios” que para algúns son os dereitos laborais, porque nunca tanto botei de menos sendo asalariado como cando fun autónomo…

      1. Fai a segunda parte xa! :D

        E canto ao dos dereitos, xa sabes: “un non sabe o que ten até que o perde”. Tamén hai que dicilo: eu estaba mal acostumando, que traballaba na administración. Daquela, o cambio a “emprendedor” foi máis brutal…