Haberá aló dez anos, un certo Nadal meus primos andorranos abordáronme cunha nova que leran nunha revista de motor famosa a nivel nacional.

“Que é certo, que van a facer un circuito de alta velocidade en Verín!”

Entre a sorpresa e a risa, comentaban que onde serían os mellores terreos, que se habería que facer reformas en todos os hoteis… que se o circuíto había de ser de motos… Non podo negar que me unín ás especulacións con eles no momento.

En todo o Nadal, non se falou doutra cousa na comarca, e eu, ao meu pasiño, ía formulándome varias preguntas ás que non atopaba resposta… De verdade había tanta paixón polo motor en Verín? E en toda Galicia? O máis preto que se me ocorría era a Citröen de Vigo, que fabricaba coches de consumo… pero que non pegaba nin con cola… Terá Verín a infraestrutura hostaleira para soportar un Gran Premio? Dende logo que non… e ademais, so serán contadas datas ao ano… de qué vivirán os hostaleiros ao longo do ano…

Pasaron os meses e a xente pouco a pouco ía deixando de falar do tema… eu seguín interesado e as novas íanse difuminando… que se ía a estudar ese circuíto en Mondariz… que se non era o momento… ata que todo morreu.

Morreu en parte porque unha nova promesa, sexa bulo intencionado ou non, substituíu á anterior:

BMW montaría unha fábrica en Verín: Verín impulsaría a “Cidade do Motor”

Este xa foi o bombazo. Outra vez a xente a falar do mesmo en tooooodos os bares da comarca. Que se a idoneidade do terreo, as boas comunicacións pola autovía… pero a miña espiña pola mentira do circuito de alta velocidade seguía cravada.

BMW… quen o diría… Eu, dende logo, non. Verín NON posúe nin tren, e precisamente porque os caciques do seu tempo se encargaron de que non pasase por Verín. A morte en extrañas circunstancias do enxeñeiro España (pódovos levar en calquera momento a ver a cruz que hai na súa honra) alimentou os rumores dun interese por que a vía do tren non cruzase o val. Ao tempo, Verín só posúe un acceso por autovía que o sitúa a uns 150km do porto de Vigo e do aeroporto de Peinador, 170km de Lavacolla, +200km de Porto… as comunicacións NON podían ser unha das principais bazas. Sí podían ser unha boa baza os prezos dos salarios e os terreos, pero… 20km máis ao sur, en terras lusas, estes custes serían moitísimo menores…

Meses máis tarde, esa promesa foise esquecendo… aínda que curiosamente, a “cidade do motor” hoxe existe. Está á saída da autovía (a saída de Portugal) á man dereita. Pero non sei que diantres é en realidade. Nunca o entendín.

Os anos pasaron, pero en toda a provincia de Ourense se suceden as promesas megalómanas cargadas de toneladas de postos de emprego.

O parque tecnolóxico de San Cibrán non podía ser menos: o actual presidente da Xunta prometía

a instalación dunha grande empresa multinacional que requiriría máis de 400 postos de traballo altamente cualificados (enxeñeiros informáticos na súa maioría) e poría á Tecnópole no cumio dos polígonos empresariais.

Pese ás críticas, téñolle cariño á Tecnópole. Hai empresas moi boas alí, e xente moi válida, pero… volvo a dubidar desta promesa. Non me cola. Aínda sigo esperando polo circuito de alta velocidade.

É por iso polo que, cando no ano 2009 comecei a escoitar falar do

helipuerto / fábrica de avións non tripulados / investimentos de Defensa (introduzan aquí o concepto que queiran)

que viría para Trasmiras (A Limia)… pois máis do mesmo. Houbo xente que tirou de mapa para calcular o espazo aéreo, se era idóneo ou non…

Ese non é o futuro de Ourense. Ou si, se seguimos a pensar nas promesas incumpridas. Por iso con toda a polémica que xurdiu estas semanas coa fábrica de vehículos eléctricos XERO, volvo a lembrar:

Volvo a Verín, a miña terra, para concluír.

O val de Monterrei é un lugar estupendo, recoñecido pola calidade dos seus viños (temo D.O. así que algo ten que haber) Temos unha pita dos ovos de ouro totalmente descoidada coma é o Castelo de Monterrei, o noso faro, a nosa insignia. Temos unha veta de ouro que ninguén explota: as nosas augas. Cabreiroá, Sousas e Fontenova son de Verín. Tres das augas máis famosas de Galicia son do mesmo Val, e parece que seguimos empeñados en negar a obviedade. A obviedade é que hai un balneario en ruinas, o de Cabreiroá, agora propiedade de Estrella Galicia, que ben podía ser a referencia do turismo na comarca, con permiso de As Burgas. 20km ao sur, en Chaves, os auguistas continúan a encher o balneario. Pero claro, “son portugueses”, eses aos que sempre miramos por riba do ombreiro dende a nosa propia viga no ollo. O textil sempre foi referencia na comarca; tanto pol@s modistas como polos abusos aos traballadores, pero algo fallou na política municipal cando unha firma como Roberto Verino tivo que marchar dese val para a cabeceira de provincia.

Sería sinxelo botarlle toda a culpa aos políticos, pero tamén estaría errando. Existen movementos cidadáns, iniciativas moi interesantes que acaban sendo víctimas dos localismos, no mellor dos casos, ou enfrontamentos con outras iniciativas comúns, no peor dos casos. Pero son casos concretos. Falta inquedanza, falta espírito crítico, falta, en definitiva, ILUSIÓN.

É extrapolable esta reflexión ao común de Galicia? Gustaríame pensar que non.

Supoño que, dentro duns anos, relería este texto e engadiría novas promesas, suavizaría algunhas palabras froito do temperamento xuvenil, pero o trasfondo seguiría sendo o mesmo. Promesas que se apagan cando chega unha nova, pero que non se materializan en proxectos concretos, en realidades tanxibles.

 

5 respostas

  1. Inauguro subcategoría, “caixón de-sastre” para comentar algunhas ideas sobre a miña comarca e arredores que se non boto por fóra, acabarían por envelenarme, xa sabedes ;)
    Afástome da miña temática habitual, espero non facelo moi a miúdo (a non ser que gostedes do artigo, claro)
    Desculpade a miña escrita (erros, castelanismos e maneira de escribir) xa que so son un “mercenario do boli” ;)

    Comentarios construtivos (críticos ou non) benvidos sexan!

  2. Hoxe viña pensando se este fenómeno pode se xustificar pola curta memoria da xente ou pola caradura da clase dirixente… Non me decidín todavía

  3. A min gústanme os artigos habituais deste blog e paréceme interesante que explores tamén novas vías. Particularmente, gustoume moito este post :) E respondendo á túa pregunta, si penso que é un mal xeneralizado en Galiza, pero tamén creo que hai un movemento de fondo na sociedade galega para mudar ese estado de cousas. Vale a pena crer na xente :)

  4. Moi bo artigo. A xente vai aos poucos, gústalle a ilusión do momento e non lle molesta que se xogue con eles xa que sempre a culpa será a algo alleo a eles. Os políticos locais coñecen iso, saben que o único que as persoas non deben esquecer, e que de feito non esquecen, son os favores directos que se lles conceden. O resto son tertulias de bar, como tí ben dís.