Este verán (xa choveu, literalmente) adiqueille unhas cantas horas á lectura. Tiña moitos libros pendentes e debíalle unha oportunidade ao Kindle, así que me deixei levar polo boca orella que falaba dunha excelente triloxía de ciencia-ficción oriental chamada “O recordo do pasado da Terra”, aínda que o habitual é referirse á triloxía polo nome da primeira novela.
O eixo da primeira novela é o problema dos tres corpos, un problema irresoluble que fai referencia a un sistema solar formado por tres soles sobre o que orbita un planeta. Ese planeta vive rexido por reglas caóticas que ameazan con ondas de calor extremo e de frío extremo. E a ameaza de ser engulido por algún dos soles, claro!
Ata aquí, sen spoilers. Dende este punto podes ler baixo a túa responsabilidade (pero son spoilers moi ambiguos)
A triloxía describe a historia do noso planeta a partires do primeiro contacto con outra civilización extrasolar. Igual que sucedía con “Contact”, a sociedade terrícola contacta cunha nova sociedade extrasolar, á que chaman “trisolarianos” dado que o seu sistema solar está formado por tres soles.
Pero, ao revés do que sucede con Contact, os trisolarianos envexan o sistema “monosolar” e non teñen tan boas intencións para cos terrícolas. A nivel tecnolóxico, están moi por riba nosa, co dominio da física cuántica, das interaccións fortes e febles, e mesmo poden acadar velocidades espaciais de, como mínimo, o 10% da velocidade da luz.
Gústame a novela porque…
… presenta un modelo de ciencia ficción máis baseado na ciencia que na ficción.
Cixin Liu esfórzase por facer crible as súas descricións da súa distopía futurista, explicando como será a organización da Terra-Lúa no futuro, a Armada Espacial, a electricidade omnipresente, sen fíos e infinita, a forma na que será posible viaxar a unha velocidade superior á da luz, á suspensión dos corpos en “estado de pausa”…. son moitas as descricións de cousas que “poden” ser posibles no futuro.
Particularmente, gústame a forma na que explican como enviar unha mensaxe extrasolar con potencia suficiente para chamar a atención de sistemas solares do noso vecindario: empregando a potencia do noso sol. Debido a isto, hai un personaxe no libro que chama aos terrícolas “tañedores de estrellas”.
O libro amosa como esa sociedade trisolariana bloquea o desenvolvemento da tecnoloxía humana (a través dun “bloqueo sofón”, un recurso moi intelixente para non “inventar” tecnoloxías e falar dunha optimización da tecnoloxía actual para acometer unha evolución espacial da nosa especie que culmina na colonización doutros puntos do noso sistema solar.
… porque presenta unha explicación á paradoxa de Fermi moi convindente.
Se tantas posibilidades hai de que existan civilizacións extraterrestres, como é posible que non teñamos contactado con elas? A iso respóndese alto e claro no segundo libro, desenvolvento a teoría do bosque escuro (que non vou desenvolver).
… non desenvolve dramas humanos individuais, é unha novela moi coral.
É certo que por momentos os personaxes son planiños, sen moito desenvolvemento, e cando o hai, tampouco é que empatices en demasía con eles (salvo o “polo corrupto”, Da Shi, que é simplemente xenial!), pero para min é algo positivo. Narra un drama a escala planetaria, a angustia dunha sociedade ameazada. Quizais se tivese que escoller un momento dramático ligado a un personaxe, escollería un momento no que poden salvar a tres nenos, e para iso fanlles un pequeno test de intelixencia para salvar “aos máis listos”.
… o eixo non está en occidente, senón en oriente.
Que xa está ben de que todo suceda no hemisferio norte, e dentro del, en USA. O autor é chinés, o xermolo da novela está na revolución cultural dos anos ’60 do século pasado, e daqueles polvos, estes lodos do presente e futuro da novela.
Case todos os personaxes son chineses, e os poucos occidentais que hai non son da vella Europa (vaia, algún si, pero debúxase de pasada este continente). Resultoume simpático un personaxe venezonalo.
… analiza o impacto dos humanos noutras especies.
Máis aló do que sucede coa especie humana ao saber que non están sos no universo, a sociedade humana tamén ten un impacto na sociedade trisolariana. Eles aprenden de nós e toman “prestadas” algunhas cualidades humanas. Non as mellores, dende logo (ao meu xuízo), pero hai unha evidente humanización dos extraterrestres.
E isto é positivo. Deixa de poñer o foco no planeta Terra, e describe unha socioloxía universal máis aló do “eu, min, comigo e en min mesmo” que nos caracteriza como especie.
… describe especies alieníxenas sen describilas.
Non fai falla explicar como son físicamente esas especies. Non hai referencias máis aló de cuesitóns moi vagas que afectan á súa relación co seu sistema solar. Non sei como abordará isto Netflix (que está producindo a serie) pero é moi positivo que se manteñan contactos con outras especies sen ter que describilas.
En “Contact”, ese alieníxena tomaba a apariencia do pai da doutora. Nas novelas de Cixin Liu aparece un androide (Motoko) posuído por esa especie trisolariana, á que nunca vemos nin se nos describe), que resulta ser un nexo de unión interespecie moi acaído para a novela e moi convincente para o desenvolvemento da historia.
En resumo: unha novela longa á que, se lle das a oportunidade de avanzar no primeiro libro, quererás engulir ata o final.
Velaquí o que Netflix está a preparar
"O Problema dos Três Corpos" ("Three Body Problem"), nova série da Netflix pelos showrunners de "Game of Thrones", ganha sua primeira prévia. A série estreia em 2023. pic.twitter.com/yJCDZKiArI
— Farcaster | Portal Sci-Fi (@portalfarcaster) September 24, 2022