Curiosamente, esta palabra so amosa 6000 resultados en Google (probade co termo “emprender” e os máis de 15 millóns de resultados). Sen embargo, é a tarefa que estou a levar a cabo no mes de xullo.

Porque botar o peche é o sinxelo, pero desemprender significa pechar lazos e fíos pendentes (que sempre os hai).

Dende o eido administrativo, as cousas son realmente sinxelas. Como son autónomo, basta con darse de baixa dos epígrafes correspondentes. E como traballo coa mellor xestoría que me podía imaxinar, todo é realmente sinxelo (en serio, se precisades xestoría, por favor, contactade con OM Xestión “e dicídelle que ides de miña parte” jeje )

Dende o eido das relacións laborais, as cousas son máis complexas. Ademais da miña actividade como autónomo, está a miña actividade como membro da cooperativa Rede Apoio, onde barallo seriamente a miña marcha. Cando contas con máis socios as cousas complícanse, porque as túas decisións tamén lles afectan a eles.

Doutra banda, están os clientes. Aqueles cos que hai tempo non traballas, son os que menos preocupan. Os que realmente preocupan son os que teñen proxectos abertos. É dificil darlles a todos unha solución homoxénea, polo que é interesante pechar cada proxecto un a un. No caso de estar facturado, rematar as cousas pendentes; no caso de non estar facturado… é máis sinxelo. Se non se cobra nada, non se remata nada.

E os pufos pendentes. Sempre os hai. De feito, se algún está comezando a emprender, recoméndolle que vaia contando con algún proxecto que ou ben non cobra, ou cobrará a medias. Sinto ser tan negativo.

Desemprender tamén invita a pensar en qué cousas depara o futuro. Xa teño cousiñas en mente, si, pero desta vez as cousas van a ir máis de vagariño. Por non repetir os mesmos erros, por suposto. Unha das miñas vindeiras argalladas estará relacionada co mundo da comida, na honra do meu pinterest (e na honra das participacións preferentes aloxadas no meu bandullo)