A segunda edición da WordCamp Pontevedra mellorou – se cabe – a primeira edición. Velaquí as miñas impresións como asistente e (que honra!) como relator.
A experiencia como relator.
A miña novidade nesta WordCamp foi poder asistir como relator a estas xornadas. Francamente, estiven moito máis nervioso na cea de patrocinadores e ponentes que durante a charla (non me gusta moito o do networking, vaia vegoña non coñecer a Pablo de Hacce con barba!!!) pero foi unha experiencia moi agradable e, sobre todo, unha verdadeira honra poder participar cun pequeno relatorio sobre a miña experiencia ensinando WordPress e introducindo a ferramenta no eido universitario.
Se queredes ver o relatorio (10 minutos), está en WordPress.tv grazas ao fantástico traballo dos organizadores, que en 24h tiñan cargados e aprobados todos os vídeos. Fantástico, Fernando Portomeñe, pola túa asesoría técnica antes e durante o relatorio, e moitas grazas pola túa presentación, Lúa Louro!
É un orgullo duplo, xa que non so participei como relator senón que foi o terceiro relatorio en galego nunha WordCamp, despois dos meus admirados Ivan Expósito e Jesús Amieiro. A Jesús tiña particuarmente ganas de desvirtualizalo, non coincidía con el nin “p’atrás”, e foi moi enriquecedor compartir con el un longo café!
A experiencia como asistente
A experiencia como asistente é sempre fantástica. Foi o primeiro ano, e volveu a ser este. Gran parte do éxito deste evento está no traballo de mesa que se fai nos meses previos: deseño de actividades e confección dunha mesa de ponencias variada e apta para todos os públicos.
O cartaz deste ano deume a sensación de romper máis barreiras có ano anterior. Incluír relatorios de 10 minutos multiplica a oferta e permite introducir pinceladas de ferramentas, metodoloxías e conceptos que poden ser moi novidosos ou moi interesantes.
Este ano, sen dúbida, WordPress deixou de ser o centro de atención para ser a ferramenta sobre a que orbitaron prácticamente o resto dos relatorios.
Emprender con WordPress, casos de éxito e fracasos foron, dende o meu punto de vista, os eixos centrais este ano, culminados na presentación de Fernando Tellado.
O SEO segue a ser moi importante (será por iso que foron as charlas con máis asistentes), o podcast viu reflictida esa “nova idade de ouro” que está a vivir na actualidade, o deseño sempre ten as súas doses de participación e mesmo a parte de programación – minoritaria – tivo o seu oco…
Un programa moi variado onde os descansos para café se quedan curtos, xa que, tralas charlas, o mellor foi desvirtualizar a persoas que xa coñecía e deixarme sorprender polas que non coñecín.
As novidades deste ano
Podía mellorarse algo que foi moi rodado? Si. Dende logo. E mellorouse. Todo foi moi fluido e natural, nótase que as horas que invirten os organizadores dan resultado e que lles gusta moito o que fan.
Quixera destacar este ano a Ludoteca como unha grandísima aportación. Coincidín con moitos pais/nais, e alégrome de que tivesen habilitado este espazo, porque acabaron coa excusa da “conciliación” (pese a que non puiden achegarme ao Día do Contribuidor). Por certo, xa que estivo patrocinada por Boluda.com, propóñolle o reto de adaptar o nome para o ano que ven e chamarlle “BoLudoteca”
Juan Hernando é un excelente mestre de cerimonias, pero estou seguro de que Wajari Velásquez non se quedará atrás. Xa me tarda en chegar o 20 de setembro de 2020 coa terceira edición desta WordCamp.
Graciñas a ti por a maravillosa charla. Unha aperta.
Graciñas Xabier pola túa axuda cá WordCamp! Relator, asistente… e ata vendedor de entradas! ;D Alégrome moito de que disfrutaras!