Tomo o testemuño e continúo coa tradición: unha WordCamp non remata ata que non escribiches sobre ela. Cinco anos pasaron dende a miña primeira experiencia como participante dunha wordcamp. A WordCamp Pontevedra. Corría o ano 2018, Alexandre tiña un aniño e medio e case que era o primeiro evento ao que ía so dende o nacemento do meu primeiro fillo.

Lembro ficar TAN sorprendido pola excelente organización do evento (e son todas persoas voluntarias!), abrumado polo ambiente de colaboración. Nin unha soa mala cara, sempre un sorriso na cara – pese ao cansazo acumulado que levaba a xente da organización. Un inxente traballo orquestrado por Juan Ciudadano B (para min sempre será Dani Rovira) absolutamente impecable.

A esta cuarta edición chegaba canso, moi canso. Unha semana longa de traballo, de retomar as clases (e catro días de clase consecutivos) e un interés lixeiramente inferior ao doutros anos. Non polo evento, senón porque me fago maior e cada vez me apetece menos participar destas historias. Como xa sabedes, disfruto da solidade e da compañía íntima da familia. E pouco máis.

Pero este ano tocaba subir á palestra, e ir acompañado. Moi ben acompañado. Así que, sen máis dilación, a cumprir a promesa: a pechar “como diormanda” esta WordCamp Pontevedra.

DSC08431
Foto de Nilo Vélez CC BY-SA

A experiencia como relator

Este ano participei como relator do evento, cunha charliña moi, moi pesimista. Podedes vela aquí e tamén xa en WordPress TV porque no Contributor Day culminaron o fantástico traballo do equipo de Portomeñe

https://wordpress.tv/2023/09/17/xabier-martinez-rolan-se-berners-lee-tivese-que-desenar-a-web-en-2023-non-o-faria-de-todos-os-xeitos/

A foto de Nilo Vélez resume perfectamenta o meu espírito negativo. Unha chamada de atención ante un internet ROTO que debemos tratar de mellorar.

Lonxe da propia temática da charla, sentínme inmensamente afortunado por poder participar como relator nunha wordcamp. A nivel sentimental é o equivalente a tocar no Bernabeu co teu grupo de música. É “o evento”, na miña cidade, na miña casa (a fin de contas, o meu escudo é a Uvigo). Na aula na que recibía clases hai 22 anos. O Depor era campión de liga. Como cambiou todo…

A asistencia foi baixiña, pero ver aos meus camaradas do metal impúxome moito respecto. Grazas infinitas a Tere polo seu eterno e inquebrantable apoio. A Jorge que so nos vemos na wordcamp pero xa é unha tradición, a Eduardo por converterse nun devoto máis “da marca da W” e a Lourdes por terlle picado o gusanillo despois dun obradoiro de extensión universitaria.

A experiencia como asistente

Como asistente, foi, sen dúbida, o mellor ano. Este ano si que me botei ao monte, preguntei dúbidas e inquedanzas durante as charlas, iniciei conversas, coñecín xente.

A miña experiencia como docente ligada a WordPress remóntase a 2015, nun mestrado no que aínda este ano continúo a dar clase (Josera, grazas pola confianza!). Este ano por primeira vez coincidín con exalumnos e alumnado presente. De todas as formacións regradas nas que WordPress forma parte: Grao en Comunicación Audiovisual (pasado e presente), Mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais (pasado e presente), e Mestrado en Marketing Dixital.

Estar con egresados e egresadas xa camaradas do metal é moi ilusionante. E o moito que aprendo agora deles. Un luxo. Pablo e Iván, sempre nos vemos na WordCamp, outra tradición máis.

Mesmo Leo (para min, xa, “o outro LEO”) nos tirou unha foto co futuro de WordPress da Facultade de Comunicación: Flor, Tiffany, Carolina e Moisés!

A experiencia familiar

A WordCamp de Pontevedra é un evento familiar. So en familia podes vivir ao máximo a experiencia. A ludoteca na que estiveron Ale e Anxo, a cuchipanda que formaron cos outros nenos… as experiencias de cafés e comidas eran máis verbenas que “saraos”. Da igual que sexas unha familia grande ou monoparental. En Pontevedra este evento é para vivir en familia.

Foi moi, moi agradable acudir coa miña parella e os nosos nenos. Unha grandísima experiencia que eles xa están desexando repetir.

A experiencia networking

Sen dúbida, é o regalo especial deste evento. Todo comeza cunha ginkana que fomenta a interacción social, falar con relatores, patrocinadores, novatos, organizadores… Ata tirei unha fotografía que valía por tres! Organizador, relator e novata.

Ás conversas habituais – un clásico como Jesús Amieiro, falar contigo é tan agradable coma o primeiro café da mañá – sumáronse mil e unha descobertas. Poñerlle cara a Angel Cabaleiro, por fin poder falar con Nilo Vélez e regalarlle o meu libro (tan so polo puro pracer de poder darlle as GRAZAS polo seu “machete”), conversar longo, tendido e distendido con Leo “Un tiempo ajeno” sobre podcasting, intercambiar cromos virtuais con Jaime Gramar, coñecer a Lidia “supermamá” de Axel e super-relatora…

Coñecer a Señor Muñoz, a Bárbara “no legal tech” (haberá un WiTip especial con ela, seguro!!!), saudar a Fernado Tellado, desvirtualizar (non sen vergoña despois de tres anos) a Carlos Macías e a Jairo, que tanto fan polo WordPress en galego…

Que delicia, “bros”, é o networking da #PonteWordCamp.

O meu primeiro día do contribuidor

Pois si, catro edicións despois, este ano foi o meu primeiro día do contribuidor. Xa podía contribuír. Así, a bote pronto, calculo que entre un 15% e un 20% da miña praza de profesor Titular de Universidade débolla a WordPress. Simplemente calculando o volume de horas invertidas en dar clases e as publicacións que teño sobre o tema.

Non son programador, nin teño dotes de liderádego (tampouco nunca me fixeron falla ata agora), e o gusto estético téñoo de vacacións (este si que me fixo falla, pero non é o meu forte, xa vos dixen). Así que tocou arrimar o ombreiro onde podo colaborar: coas traducións ao galego. Que a militancia lingüística non é barata (45 eurazos o dominio .gal) nin é un carné de quita e pon. Hai que mollarse. Pero é fácil sempre da man de Jesús Amieiro.

Así que, si. Efectivamente, pola miña cabeza a medida que ían chegando os días da WordCamp tamén sobrevoaba a idea de que esta sería a derradeira WordCamp. Con todo, agardo que non o sexa.

O futuro? O futuro da WordCamp escríbese en feminino. Moito ánimo, Sabela, co que está por vir. O mellor é que tes un equipazo ao teu lado. Sería difícil poñerlle nomes a todos, pero, en particular, permíteme agradecerlle a Paula Lamata o seu traballo.

Ah, que se me esquecía algo.

E era importante.

Sobre un tipo especial, aínda que el non o se considera así:

Wajari, es o pegamento, o lazo invisible, a gravidade que nos une a todos. Es a constatación empírica de que se pode ser un grandísimo profesional e mellor persoa. Se non o dixen aínda, grazas.

6 Respostas

  1. Xa dicía eu: Que pasou con Wajari? 😅 O espíritu caribeño da festa!
    Todos os organizadores, colaboradores e ponentes fan realidade un evento de 10.

  2. Espero que non sexa a derradeira xa que nesta ocasión non tiven oportunidade de coñecerte aínda que me gustou a túa charla, pero espero atoparte e charlar para a seguinte ;)

    Parabéns polo excelente traballo de divulgación de WordPress na USC

    1. Mira ti, un motivo máis para coñecérmonos na vindeira. Desvirtualizar, máis ben, que contigo (cos teus contidos, quero dicir) moito me teño cruzado na rede :)

  3. Eres grande Xabi. A WordCamp Pontevedra sempre estará en débeda contigo por que fuches quen meteu a WordPress na Universidade e iso ten un valor incalculable.

    Grazas amigo polo teu apoio e agarimo todos estes anos, polas túas fantásticas charlas e por este bonito artigo que me ruboriza (a primeiro publicado! que vou facendo seguimento a todo ;-)

    Estou totalmente de acordo, a WordCamp é un evento familiar e alégrame moito que a túa bonita familia queira repetir.

    Xa prepararemos novas sorpresas para outras edicións, sempre coa ilusión de seguir crecendo como grupo e mellorando as nosas realidades.

    Unha aperta grande camarada