Eis un exercicio democrático no meu concello: o uso dunha web municipal para dar visibilidade a unha entrevista aos diferentes candidatos á alcaldía.
A comezos de ano comenteille ao alcalde do meu concello (Castrelo do Val) sobre a posibilidade de dinamizar un pouco as eleccións municipais a través da web do Concello. Non só lle pareceu boa idea, senón que colaborou activamente enviándome información sobre a constitución das mesas, a explicación de por qué había cambios nesas mesas electorais e deume total liberdade para levar a cabo un pequeno “experimento”.
O experimento era sinxelo: unha entrevista de 6 preguntas aos tres candidatos a alcalde polas tres formacións políticas que concorrían ás eleccións: BNG, PPdG e PSdG.
Foron as mesmas 6 preguntas para os tres, e en ningún momento os candidatos tiveron acceso ás respostas dos outros dous.
Tratei de reflictir o mellor posible os pensamentos dos tres candidatos, tratando de ser todo o imparcial que puiden ser (no mellor dos casos, copiei e peguei as respostas que nos enviaron por mail; no peor, transcribín o resultado da entrevista falada ao nivel escrito) e coa mellor das intencións.
O resultado foi esta publicación que recolle o que pensan os tres candidatos sobre 6 preguntas concretas.
Comento agora os tres pasos da realización desta publicación:
- 1º paso: a selección das preguntas
Son preguntas sinxelas, pero pensadas. Habían de ser as mesmas preguntas para todos, pero non todos estaban dende a mesma posición… un dos candidatos era o actual alcalde, outro foi concellal na oposición moito tempo, e para o alcaldable restante era o primeiro acercamento coa política local… perfís moi diferentes para tratar uns temas comúns que me obrigaron a formular as preguntas pensando nos tres candidatos ao tempo.
O resultado foi unha leve sensación de pluralismo a cambio de perder profundidade nas preguntas, mesmo perdendo personalidade. Tan só a última pregunta, que formulei de maneira negativa (Qué NON fixo ben o goberno, ao seu parecer? E en que sentido mellorará esa xestión pasada?), contén un espazo aberto e real para a crítica de todos os candidatos cara o goberno, e autocrítica no caso dos gobernantes.
- 2º Paso: a metodoloxía
Tras un primeiro contacto por teléfono con todos os candidatos, procedín a enviar a entrevista por correo electrónico ofrecendo tres opcións: resposta a través do correo, reunión en persoa para tomar nota das resposas, e ámbalas dúas opcións xuntas.
Nun dos casos so tiven resposta por mail, noutro dos casos reuninme co canditado e, finalmente, no último caso, obtiven resposta ante ambas opcións: reunión e máis e-mail.
- A publicación da entrevista: visitas
A publicación da entrevista sorprendeume polo número de accesos: 30 accesos na primeira media hora de difusión a través das miñas redes sociais particulares (vivo nun concello moi pouco tecnoloxizado, por iso me sorprende gratamente) con resultados bastante parellos con respecto ás visitas a cada unha das entrevistas concretas. Ao longo dos días, pouco foron variando o número de visitas entre os diferentes candidatos, ata que, despois das eleccións, o número total de visitas ás entrevistas foi de case 700 accesos, feito que me ten aínda desconcertado (case é o número de visitas mensuais da web)… aínda que non tan desconcertante coma o número de visitas de cada entrevista.
Supoño que algúen poderá preguntarse nestes intres se o número de visitas de cada entrevista é correlativo cos resultados electorais… e non, non é así. Para nada. Insisto, a fenda tecnolóxica no meu concello é, por desgraza, moi profunda.
Dentro de catro anos será bo reler o artigo, e comprobar as promesas cumpridas…