Levo usando iPhone dende 2009 – cun breve paréntese de 6 meses – e segue a ser o smartphone do meu día a día, de traballo e de ocio. Se es de android, ou se non tes interese en saber por que me parece interesante un teléfono de 900 euros, pois deixa de ler, que esta publicación nonn é para ti.
Tiven o iPhone 3gs, o Iphone 4, o iPhone 6, o iPhone SE e agora, o iPhone XR. Francamente, creo que o mellor teléfono de todos eles é o iPhone SE. Ten a potencia dun iPhone 6s no corpo do iPhone 5. Se che gustan os teléfonos pequenos (coma min), este é sen dúbida a mellor opción agora mesmo, pese a ser un terminal do 2016.
O iPhone SE ten unha boa cámara (iPhone 6s, lembra), pero non era suficiente para min. Coma calquera pai, queres capturar todos os momentos e, para iso, esa cámara xa comezaba a quedar pequena. Entenderedes que me ENCANTA a cámara do iPhone XR, o modo retrato (fondo desenfocado) é xenial, pese a ter unha soa cámara, e pese a non poder aplicalo a obxectos (seica hai apps para poder solucionar isto).
Agora ben, o tamaño é inmenso. Unha pantalla de 6 polgadas é xigante para poder ver vídeos, e mesmo para ler comodamente (gústame ler con calma os artigos do meu feed de novas a través de Reeder). Pero é grande. Moi grande. Mellor dito: é moi ANCHO. Neste sentido, o teléfono perfecto para a miña man é o Xiaomi Mi A2 Lite. Creo que actualmente é o mellor teléfono para coller cunha soa man. O iPhone é moi incómodo para manexalo cunha soa man.
Que quero dicir con isto? Que os teléfonos tedes que probalos. Collelos, trastear con eles os botóns, cunha soa man (é como os vas a utilizar na maior parte dos casos) e sentir o peso, o tacto, o agarre… Vaia por diante que o peso, tacto, agarre e demais no iPhone son xeniais, pero para a miña man é moi ancho. Demasiado.
Punto aquí para o meu pequeno iPhone SE, que é o mellor teléfono no mercado para manexar cunha soa man.
A calidade de son é espectacular. Non son moito de poñer música no teléfono; prefiro os auriculares e, ademais, o teléfono está sempre en silencio, dende hai uns cinco anos (non sei nin qué melodía de chamada teño neste teléfono). Con todo, as poucas veces que probei o son, é moi cálido e perfectamente definido. Non podería dicir se soa alto ou baixo, pero a fidelidade é xenial!
As novidades de hardware non as notei, excepto no desbloqueo por recoñecemento facial. É xenial. Xa sei que diredes que é unha tontería, pero se pensabas o mesmo do lector de pegadas dixitais e agora non podes vivir sen el, imaxina non ter sequera que buscalo co dedo…
E cando digo xenial, é con todas as letras. Estiven un par de días co ollo tapado por unha intervención quirúrxica e seguía a recoñecerme a cara. Con gafas, desbloquea perfectamente. Barbeado, sen barbear, con boa cara, con mala cara… son poi poucas as ocasións nas que fallou o recoñecemento facial: so me pasou con gafas de sol e gorra.
En serio, ata de noite, na cama, a escuras, coa cara de durmido, funciona o recoñecemento facial para desbloquear o teléfono!
Ás novidades de sofware logo te acostumas. Navegar polo teléfono sen botóns é cómodo e adáptaste a iso aos cinco minutos de ter o teléfono. Importar os datos doutro iPhone parece maxia, pero como xa me pasara co iPad e co Applewatch tampouco parece para tanto.
A fluidez vai na liña dos produtos de Apple. Non hai lag, non hai tempos de espera (aparecerán nun par de anos, coma sucede cos outros teléfonos). Neste sentido non hai sorpresas. É o que sempre me fascinou deste tipo de trebellos, en comparación coa competencia. So atopei terminais coa fluidez de Apple nos que monta(ba)n Windows Phone.
A batería é a mellor que vin nun teléfono ata o de agora. Dúrame dous días completos cada ciclo de carga. Isto é moitísimo, tendo en conta que case todos os terminais aguantan o día a duras penas. Non sei como o conseguiron, porque a pantalla é enrome, pero a batería é unha das mellores cousas deste terminal.
Con todo, é un trebello caro. Moi caro. A versión básica (64gb, que deberían ser máis que suficientes para o usuario promedio) podes atopala cunha boa oferta sobrepasando os 700€. Eu mudo pouco de teléfono (o iphone 4 duroume 4 anos, e o iphone 6, outros 4), así que penso nunha amortización a catro anos (e cruzo os dedos para que así sexa).
Por certo, o trebello en cuestión podes escollelo en varias cores. Eu escollín a cor vermella porque é da gama de productos Red nos que Apple fai unha doazón para programas que loitan contra o VIH. Non me gusta a opacidade coa que se trata este tema, xa que non sei qué cantidade do custe do teléfono se doa, pero trátese dunha iniciativa á que lle dan soporte moitas marcas, así que considero que inspira certa confianza (opaca, insisto)
Se chegaches ata este punto e che interesa, teño un iPhone SE en perfecto estado á venda. Aínda non ten un ano de uso. Fala comigo se che interesa.
E se non te deches conta, cambiei de dominio. Xa era hora de mudar ao .gal :)
Kaixo. Accediendo desde un mac mediante chrome. Me dice que no es un sitio seguro, tu pagina. Es la unica pega que veo en este cambio a .gal. Saludos desde BEASAIN
Eskerrik asko, Mikel! Si, tengo un problemilla con el certificado ssl, pendiente de resolver :)