
Hai persoas que cando marchan deixan un baleiro. E outras que, ademais, deixan un camiño. Vicente Gómez García era desas.
Onte despedimos ao alcalde que foi de Castrelo do Val durante máis de dúas décadas. Eu, ademais, despedín a un amigo. E iso fai que as palabras pesen máis e custe atopalas. Dubido mesmo de que estas palabras sirvan. Antóllanse baleiras, apelmazadas, descafeitanadas dabondo para darlle significado ao que Vicente significou.
Vicente entendía a política como servizo, como ferramenta para mellorar a vida da xente. Nunca lle importou de onde viñas nin a quen votabas. Axudaba porque cría nas persoas. Era a súa maneira de estar no mundo. Sempre tiña tempo para unha conversa, para discutir con respecto, para escoitar de verdade.
Coincidimos moitas veces, outras non. Pero mesmo no desacordo había unha lección: a política serve para pensar mellor, non para enconarse máis na túa postura. Durante anos animoume a dar un paso á fronte. Se asumín responsabilidades algunha vez, foi en boa medida porque el me ensinou que facer política só ten sentido se se fai con honestidade e vontade de servir aos demais.
Hai faros que deixan de emitir luz, pero cuxo resplandor segue guiando moito tempo. Vicente era un deses faros. Dicimos moitas veces que hai concellos que non teñen os políticos que merecen. No seu caso, penso que foi ao revés: foi el quen non tivo o concello que merecía.
O mundo necesita máis persoas coma el. Máis referentes morais e menos profesionais do ruído.
Grazas, Vicente, polas conversas, polos consellos e polo exemplo. O mellor xeito de honrarte será vivir conforme aos valores que defendiches cada día. Descansa en paz, amigo.