Esta semana fixen un dos traballos do campo que menos me gustan. Castrar as colmeas.
O certo é que se trata este dun traballo moi duro, moi porco e, como non, moi empalagoso.

Hai moita xente á que lle resulta moi exótico, así que decidín compartir unhas cantas fotografías que tomei nun momento que tiven máis ou menos libre. Son fotos que tomei bastante á presa, por iso non esperedes unha grande calidade (nin sequera nitidez nalgunhas) e que podedes ver aquí

IMG 86661
panais de mel antes de entrar na “centrifugadora”

Castrar as abellas (si, ten un nome bem simpático) fai referencia ao feito de extraer o mel que as abellas gardan nos panais para a súa alimentación no inverno.

Eses panais colócanse en alzas de (case sempre) nove panais. Esas alzas soen ser de dous tipos: “lusitanas”, propias do país veciño e máis pequenas (mesmo longo x ancho) ou “Langstrom”, un 20% máis longas que as anteriores.

A forma hexagonal que teñen as celdas dos panais obedece á propia configuración física da visión das abellas, pero, certamente, é a maneira máis eficiente de gardar ese mel. O que é menos coñecido é a inclinación que teñen esas celdas para que o mel non caia delas. É a suficiente para manter o ¿líquido? e viscoso elemento sen que exerza unha forte presión para saír.
Cando as celdiña están cheas, as abellas crea unha cera que sela as aberturas das celdas para conservar herméticamente tan prezado elemento.

O que facemos na casa é cortar ese selado cun coitelo e introducir os panais nunha máquina que xira coa suficiente forza centrífuga para que expulse todo o mel. Ese mel cóase e posteriormente envásase.

A pesares de que sí é un traballo bonito, é moi engorroso polo suxo que podes acabar (aínda que o mel se quita tan só fregándose con auga)… e perigoso! As abellas, non fai falla recordalo, teñen unha picadura velenosa que escoce bastante, polo que é preciso ir ben “abrigado” ao colmear / albariza. É importante que haxa unha boa temperatura, xa que o mel necesita calor para que esvare bem e sexa extraído con relativa facilidade, así que podedes imaxinar o pouco que lle pode gustar a unha persoa suorosa estar con tres mangas a 25 graos e sen poder quitar o suor da cara (baixo risco de picadura)

Outro día déixovos uns “sabías que” sobre o mel, as abellas e este apaixoante (aínda que non me guste) mundo da apicultura.

Unha resposta

  1. Adoitamos facelo a finais de xullo e principios de agosto. Serás benvida, pero conta que é un traballo máis duro do que parece nas fotos ;).
    En todo caso, es benvida!