Porque detrás da marca hai persoas que se preocupan polos seus clientes. Pero se queres coñecer a nova completa, podes seguir lendo esta entrada no meu blog.
Cando cambiei de coche tiven a necesidade de mercar un mans libres ou produto semellante para poder falar polo móbil no coche. No meu anterior coche esa necesidade estaba cuberta a través da radio, que xa incluía micrófono e altofalante para conectar o meu teléfono móbil.
De entre toda a oferta de trebellos decanteime finalmente por un sinxeliño Parrot Mini Kit que, se ben non é o mellor produto, cumpría sobradamente coas miñas necesidades: era portátil (non precisa de instalación e podía utilizalo en calquera coche), tiña unha batería de longa duración e “entendía” a miña voz para a marcación.
Insisto no de que non é o mellor produto do mercado, ten dous problemas que deberíades coñecer no caso de decantarvos por este modelo de mans libres: o gancho para poder colocalo na viseira do coche é excesivamente pouco práctico e non moi resistente, e a ruleta de control… pode desprenderse co uso.
De feito, é a ruleta a causante deste artigo, porque a perdín.
O aparello é perfectamente funcional sen ruleta, pero está incompleto, como comprenderedes!
Así que, xa que dende hai un tempo sigo a Parrot España a través do twitter (@parrot_es) decidín preguntarlles cómo podía conseguir outra ruleta, como podedes ver na captura de pantalla do meu móbil
A súa atención foi exquisita. Enviei o mail ao enderezo sinalado e pronto se puxeron en contacto comigo, resolvendo que, aínda que a peza non estaba á venda, me enviarían unha sen custe algún ao enderezo que eu lles indicase. Pois ben, este foi o sobre que me chegou aos poucos días,
E, finalmente, aquí está o meu pequeniño plenamente funcional
O feito polo que estou agradecido non é por teren enviado a peza (que tamén) senón por utilizar as redes sociais para ESCOITAR aos seus clientes, e por preocuparse por resolver o seu problema. Un tuit non costa nada, un mail non é un grande esforzo. Un cliente contento é un tesouro.