“están de moda”
“son gratis, por qué había de adicarlle recursos?”
“esto pode facelo o informático da miña empresa”
“e se collemos en verán a un becario para que nolas leve?”
Así podería seguir durante un bo rato, falando do día a día que se atopan os profesionais da comunicación – en primeiro lugar – e os que últimamente se adican ás redes sociais – máis en concreto -.
NON ESTÁN DE MODA
Non, as redes sociais non están de moda. De moda estarían no 2007, cando so catro pelagatos estaban nalgunha rede social. Se hai unha rede social con máis de mil millóns de usuarios, non é precisamente por moda.
¿Qué son? Para min, unha ferramenta máis de comunicación. Sí, comunicación, unha das necesidades básicas do ser humano. Igual ca durmir, igual ca comer (entre outras).
Se unha empresa ou institución cre que debe estar en redes sociais por moda, debería reflexionar seriamente se realmente lle merece a pena a inversión que vai a facer.
Eu por moda merco un xersei, pero non abro unha conta nunha rede social.
NON SON GRATIS
Non, non son gratis. É gratis crear os perfís nesa rede social, é gratis publicar contidos, pero as redes sociais non son gratis. Os que traballan coas redes sociais, os que xestionan a comunicación de empresas e entidades a través de redes sociais viven diso, non viven da caridade, nin da paixón polo seu traballo.
Aproveito este punto (e o cabreo que teño) para que reflexionedes se vos parece lóxico (sexa xusto ou non, ese non é o tema a tratar) que paguedes a un mecánico 60€ a hora e un informático, xornalista… vos pareza caro cobrando 20€/hora polos seus servizos. Puiden escoller outra profesión, seino, pero creo que moitos dos que me ledes tedes coche e sabedes de primeira man o que quero dicir.
NON É COMPETENCIA DO INFORMÁTICO
Un informático non é un community manager. Un informático fai outras tarefas, por moito que a algúns lles encante pasar un bo tempo nas redes sociais. Un informático non ten por qué ter competencias en materia de dirección de comunicación.
UN BECARIO NON É A PERSOA AXEITADA PARA LEVAR A COMUNICACIÓN ONLINE
Pode ser bo, pode poñerlle todo o empeño do mundo, pero NUNCA debe recaer sobre un becario a responsabilidade de dirixir a comunicación online dunha empresa. Por moitos motivos:
- Porque o salto entre a Universidade e o mundo laboral non é o máis fácil, e os bolseiros – sobre todo os primeirizos – teñen moitas carencias estruturais que han de eliminar (ás veces non da mellor maneira) no mundo laboral.
- Porque o know how dunha organización, ata que non estás ben empapado, so o teñen os traballadores internos. Eles mellor que ningunha outra empresa ou profesional coñecen o día a día, os valores e o a onde quere chegar esa organización.
- Porque non cobran en función da súa responsabilidade. Así de simple. Un tuit pode destrozar a comunicación dunha empresa (sexa ou non sexa bolseiro) Así que, para tal responsabilidade, asigna un salario xusto.
- Porque a carga de traballo é inmensa. Levar as redes sociais non é simplemente poñer uns cantos tuits e unhas fotos en facebook. Hai que facer un plan de social media, unha planificación de publicacións, monitorizar a marca e a competencia, medir o ROI en función de KPI’s determinados… está calquera bolseiro preparado para asumir tantas horas?
Si, ao mellor están preparados… pero non creo que a entidade esté preparada para delegar semellante responsabilidade e carga de traballo.
Por certo, eu fun bolseiro nunha axencia de publicidade, nunha radio, na uVigo, nunha asociación sen ánimo de lucro, nun xornal…
Fun bolseiro cobrando o mínimo, e fun bolseiro sen cobrar nada.
Fun bolseiro con poucas responsabilidades e moito que aprender, e fun bolseiro con todo por aprender e unha substitución de traballador cualificado que facer.
Así, antes de que os bolseiros se me queixen por esta publicación, que saiban que, antes de fraile, tamén fun cociñeiro.