Levo dous meses cuantificando a miña actividade diaria e as horas que durmo cunha xiaomi mi band, un fantástico trebello low cost da chinesa Xiaomi.
Que mide?
Os pasos recorridos diariamente. Non teño moi claro cómo o fai, pero a cantidade que ofrece é, curiosamente, bastante coherente. Disque se recomenda andar uns 10.000 pasos ao día, e, se levas unha vida sedentaria, non é sinxelo chegar a eles. De feito, comprobei que os días nos que non saio da casa, é imposible chegar a esa cifra.
Tamén podes consultar o histórico da túa actividade semanalmente ou mensualmente, podendo comprobar a media neses perídodos. Mesmo podes saber en tramos horarios cómo realizaches a actividade.
O trebello tamén diferenza entre os pasos andados e a carreira, pero aquí xa perde fiabilidade. Empregueina algún día no ximnasio e non foi acertada na medición.
O tempo que pasas durmindo, e a calidade do mesmo. Esta é a función que máis abraiado me ten, xa que cuantifica as horas que dormes… e as que pasas desperto. Pensei que sería un simple detector lumínico, pero non. O trebello non comeza a contar horas ata que non quedas durmido (ai, esas noites que experimentei mirando cada pouco tempo o reloxo da mesilla!)
E, aínda máis fascinante, o trebello detecta as fases de soño lixeiro e soño profundo, que emprega para unha función despertador da que falo máis abaixo).
Con esta app descubrín que ando menos do que debería, durmo máis do que eu pensaba pero cunha calidade inferior á que me gustaría.
Cada canto se carga?
Cada mes, aproximadamente. Incluso máis se non tes moita actividade. É lóxico, a súa batería ten que aguantar xa que o uso da batería concéntrase, sobre todo, no uso da vibración, a sincronización vía bluetooth e tres pequenos leds que indican notificacións ou pasos percorridos.
Creo que non hai outro trebello que aguante tanto sen pasar polo cargador. No entanto, si que é certo que lle boto de menos que amose a hora.
Outras funcionalidades interesantes
As funcionalidades engadidas varían segundo usuario de iOs ou android. Se es da mazá, serán máis limitadiñas. Senón, o abano amplíase
Vibración cando soa o teléfono: é util, se non tes o teléfono a man, ou o tes nun lugar onde non o escoites nin sintas a vibración, que a pulseira vibre (e se encendan os leds) cando te chaman por teléfono. O curioso desta función é que non é instantánea, senón que podes axustala en función do tempo que queiras manter a vibración. Como mínimo, comeza a vibrar aos tres segundos de comezar a chamada.
Despertador: sen dúbida, é a mellor función. Un despertador eficaz e completamente silencioso, con función de recordatorio cada 10 minutos.
Non sabedes o que presta un despertador silencioso ata que non durmides sos nun cuarto. De feito, posiblemente sea/n a/s persoa/s que está/n ao voso carón quen máis agradezan esta funcionalidade.
A maiores, podedes indicarlle que, en soño lixeiro, vos desperte media hora antes de que vibre a alarma programada. Non é molesto, porque non estaredes en soño profundo. Crede que para unha persoa coma min, que ten serios problemas para incorporarme ao mundo real(TM) polas mañás, foi unha mellora considerable.
Podería ser mellor? Si, so podes configurar tres alarmas. Por que non máis?
Leds multicor: os tres leds que ten a pulseira podes configuralos (grupalmente, non de xeito individual) en varias cores. Sería interesante poder escoller as cores de cada un dos leds (a ver se me len os chineses :-P )
Se es de android podes activar as notificacións para máis apps que simplemente chamadas, e podes desbloquear o terminal coa propia pulseira (un uso realmente interesante!)
Polos 20€ que custa en Amazon, non deixes de probar un “wereable” sinxelo e efectivo.