Velaquí vai a segunda parte prometida (se non sabes de onde ven este artigo, podes comezar por aquí). En realidade estas liñas son un extracto moi sintético do que foron os últimos meses no que respecta á miña relación coa xestión de comunidades virtuais e uso de pantallas interactivas.

No teléfono

Comecei por eliminar as notificacións. Agora mesmo so teño as de “tempo de uso” e Whatsapp. E esta última estou pensando en eliminala (o que me retén é o grupo familiar).

A continuación, eliminei as aplicacións de redes sociais e moitas de mensaxería instantánea. Recoñezo que isto non foi suficiente, polo que

Bloqueei o acceso ás redes de consumo impulsivo a través do navegador web, porque chegaba o momento no que, por inercia, entraba en Twitter vía navegador. Si, dende o teléfono móbil.

No ordenador

Fóra notificacións, está claro. Nunca me pareceron útiles, pero é que cada día as soporto menos.

O das redes sociais, a unha URL de distancia, non foi suficiente, polo que tiven que tomar medidas máis severas. Igual me atopo intentando abrir o Twitter sobre unhas 20 veces ao día. E iso despois de deixar de seguir a todas as usuarias desta rede social para optimizar o meu tempo. Con facebook pásame menos, pero pásame. Por iso tomei medidas máis agresivas: un bloqueador de URLS para evitar a procastinación.

Correo electrónico: é unha fonte de distracción no meu día a día. Aquí tomei unha serie de medidas para reducir e optimizar o seu uso.

Na tablet

Neste trebello o obxectivo foi loitar contra a burburlla algorítmica. A volta ás orixes, en esencia.

O filtro burbulla (Parisier, 2011)… non podemos vivir alleos a el, pero polo menos que sexa un filtro creado por min, e non “por si te lo perdiste” ou “si te gustó X…”. É por iso que volvín a retomar con forza (nunca o deixara) os feed de RSS para manterme informado dos temas que me interesan.

Tan so manteño unhas recomendacións automatizadas: as de google no smartphone, e iso porque apenas teño apps de Google no teléfono e tampouco estou a ceder unha cantidade de datos preocupante.

Por certo, contra o que poida parecer, traballar coa tablet estame a resultar máis produtivo do que esperaba. O soporte para rato e o feito de non poder ter máis dunha ou dúas aplicacións abertas na mesma pantalla obrígame a centrarme no que estaba a facer (a miña procastinación é multitasking…)

silver fork and knife on plate
Photo by Thought Catalog

Os resultados da dieta

O primeiro xa o vedes: escribo moito máis no blog. É certo que “non teño tempo”, pero antes perdíao máis do que imaxinaba. Supoño que comezo a optimizar mellor o tempo. Tamén é certo que a iso axuda moito a “burbulla” podcast: Hai algúns que me solucionan o día: lonxe dos de humor ou temas pouco convencionais, síntome especialmente cómodo co resumo diario de noticias de AM (novas en 4 minutos).

O segundo non o vedes, pero eu si que o noto: volvín a retomar a lectura. Con pausa, pero saboreándoa. E agradécese ler cousas que non sexan literatura científica, a verdade.

O terceiro, aínda so o comezo a intuír. Creo que mellorou (ou empeorou menos) a miña capacidade cognitiva. Esquezo menos cousas, ou manteño máis cousas na cabeza.

O cuarto, non me entero de nada do que pasa no mundo. Ou é a sensación que teño. Chegan a min moi pouquiñas leas ou polémicas das redes sociais, e cando falan delas nalgún dos medios (tradicionais) que consumo, teño unha visión limitada. Os primeiros días tiña máis sensación de agobio, sensación real de estarme perdendo cousas de actualidade importantes, agora simplemente é “outra movida máis da que non me enterei”.

En relación con isto, tamén minguaron – drasticamente – as miñas relacións sociais nas redes. Sobre todo en Twitter, onde xa non sigo a ninguén. (Case) ninguén me fala (e iso que non perdín seguidores) se eu non lle falo ou comparto algo do meu blog. O que demostra que, se non tes presencia ativa, non existes.

Tampouco me ofende, eh? Pero é curioso; xente coa que interactuaba todas as semanas, de repente desapareceron. Isto lémbrame a que hai anos eliminei eliminei a miña data de cumpreanos en Facebook. Pasei de recibir ducias de felicitacións a contalas cos dedos das mans.

E ti, cres que me estou a pasar de freada ou tamén estás a pensar en restrinxir a túa inxesta social dixital?