Este artigo tronzou todas as esperanzas que tiña este ano nas novas tecnoloxías. Non é que non se vise vir, pero pensaba que este “hastío vital” que estaba a pasar eu coa miña presenza en redes sociais era unha teima miña, e resulta que é máis global do que parece. Velaquí algunhas frases que recolle o artigo e que merecen unha pequena reflexión

más de la mitad de la población mundial usaba las redes sociales

Tampouco é que sexa moi relevante, pero está ben pensar que unha de cada dúas persoas que habita o planeta, ten presenza nalgunha rede social. Estas plataformas non son unha moda (lembrades cando se dicía iso? Hai, os felices anos ’10), son unha realidade, e como tal, debemos actuar con responsabilidade.

el tiempo mirando pantallas ha aumentado tres horas diarias respecto al consumo previo a la pandemia

Dende que Apple implementou a notificación de “tempo de uso”, todos os luns contemplo como perdo o tempo nos meus trebellos. No meu caso, os tempos mínimos oscilan entre unha hora e media e dúas horas e cuarto (aproximadamente). Francamente, paréceme tempo demais se a iso lle sumamos a televisión e o tempo diante do ordenador. Probablemente teña os meus ollos diante dunha pantalla entre 10 e 12 horas ao día.

E dou grazas que escoito a radio na cociña e salón (“ok, boomer” é o meu medio de información pasivo de referencia).

Con todo, eu non noto un aumento do tempo diante das pantallas entre a época pre e post-confinamento. Os meus tempos non mudaron. Tamén é certo que os hábitos tampouco mudaran tanto… é certo que saio (saímos) menos da casa, pero un bebé xa é un reactivo máis que suficiente para mudar todos os hábitos e orbitar arredor del.

Mirar un dispositivo con pantalla es lo primero y lo último que hace cada día el 80% de la población española

Aquí represéntame ao 50%. A verdade é que é certo que o teléfono é o último que miro pola noite, sobre todo porque é nese trebello onde escoito os podcast cos que me quedo durmido, pero pola mañá – e debido aos meus hábitos – iso non é así. Tanto é así, que moitas veces o meu teléfono está en “modo avión” ata que saio de deixar ao pequeno na escola (e iso, os días que saio co teléfono).

Tamén temos que ter en conta que o smarthone é o instrumento que forzou máis prexubilacións tecnolóxicas: o reprodutor de música, o reloxo-despertador, a linterna, o compás, a axenda de contactos, a cámara fotográfica… sigo? Porque aínda queda cacharrada…
Que miremos o teléfono antes de durmir ou ao levantarnos tampouco ten que ser unha cuestión que deba ser preocupante.

‘Detox’ digital, nueva moda saludable

Comparto plenamente, pero non como unha moda, senón como un hábito de vida. A cuestión é como converter as pequenas accions en costumes que finalmente rematen por ser un hábito. O primeiro paso é eliminar as notificacións push, despois eliminar as apps innecesarias (todas as redes sociais, salvo que te adiques profesionalmente a iso) e, chegado o caso, bloquear o acceso ás mesmas dende navegador.

Outra opción é empregar un smartwatch ou smartband. Déixame explicalo: moitas veces miras o teléfono so para consultar a hora. E de paso, desbloqueas o terminal. Cun trebello coma ese (ou mellor, volver ao reloxo), seguro que che cunde máis o tempo!

E por que “primeira parte”? Pois porque haberá segunda, coas miñas impresións e sobre a dieta dixital que levo dende que comezou o ano.

Photo by Maarten van den Heuvel