Tardei un tempo en escribir este post porque tiña que meditar bastante sobre o que me gustaría para esta década que entra. Non para o ano, un obxectivo moi curtoplacista, senón para a década. É por iso que aproveitei para reflexionar sobre a década pasada… e a miña pegada dixital.

E a conclusión é clara: non estou satisfeito co que fixen, sobre todo no relativo á xestión de redes sociais (en casa de ferreiro, coitelo de pau). Tan pouco satisfeito estou que eliminei todos os meus tuits – algo que dixen que so faría se optaba a un cargo político público ;-) – e reseteei a miña presenza nalgunhas redes.

Dende hai cousa de dous anos, comecei a facer unha dieta de redes sociais: publicar menos (non o cumpría en Twitter, seino), desactivar as notificacións, despois, e finalmente, desinstalar as aplicacións no teléfono. O que estou a facer agora é o seguinte paso lóxico.

Deixei de seguir ás máis de 500 persoas que tiña como contactos en Twitter. A cousa xa se descontrolara cando pasou das 300, pero os cambios do algoritmo desta rede, insistindo niso de “por si te lo perdiste”, os likes da xente que seguía… metéronme nunha burbulla na que non me sinto especialmente cómoda. No relativo á política, detesto tanto a intoxicación da dereita como as ínfulas de superioridade moral da esquerda e do nacionalismo. A iso súmalle unha retranca constante que intenta transformar en humor sarcástico todo o que provoca rexeite ou desprezo na mente das tuiteiras.

Con total honestidade, nestes anos en Twitter tiven moi bos momentos, pero consome demasiado tempo e, a día de hoxe, aporta(me) máis ben pouco.

En Facebook xa hai bastante tempo que teño unha presenza moi marxinal. Prácticamente so o uso para darlle difusión ao podcast e pouco máis. Lembro unha clase (creo que en 2015) na que lles dixen aos alumnos “ao mellor en 2020 non estamos falando nin de Facebook nin de Twitter”. Errei de ano. Pero Facebook está en franca decadencia.

Quizáis a única rede á que lle presto algo de atención agora é a Linkedin, e para iso, xa se está a converter en Facebook…

Volvo ao blog. Tampouco estou moi satisfeito do que foi a miña presenza neste espazo durante os dez anos que leva operativo, pero polo menos é o meu espazo. Escribo sobre o que quero – influído pola axenda setting, iso é innegable – é trátase dun curruncho que teño controlado e depende de min. Grazas a WordPress, tamén hei de sinalar. Se alguén quere algo, están os comentarios activos, o debate pode seguir por aí.

Sei que Google ha de penalizarme pola lingua na que escribo (unha lingua inútil dende o punto de vista comercial), por como escribo (non SEO) pero tampouco pretendo ser un influencer.

Se cheguei a isto é porque este Nadal pregunteime que pensarían os meus fillos cando pasen dez anos e comecen a ler o que seu pai escribía na Internet antes de eles nacer ou cando eran pequenos. E non me gustou a resposta.