… e moito.
Ao mellor algúns de vós non coñecedes o concepto, pero sodes víctimas DIARIAMENTE do mesmo.
O “clickbait” é unha técnica para gañar visitas a sitios web que consiste en empregar contidos sensacionalistas para enganar ao lector e conseguir que faga clic na ligazón.
Se mo permitedes, considero que o “clickbait” é o cancro do marketing de contidos.
Cantas veces atopastes titulares curiosos que despertan a curiosidade e despois…
LO QUE PASÓ DESPUÉS NO TE LO IMAGINAS
Pois claro que si que o imaxinas, que fixeches clic, que entraches a ver a información e quedaches pouco satisfeito. Como cando pides unha hamburguesa premium e en realidade non é carne de boi o que che poñen.
Pero para esas webs xa hai unha visita máis, e coma ti centos de persoas fixeron clic.
A fronteira entre o clickbait e a creatividade nos titulares é, ás veces, un tanto difusa.
De feito, a memetización da internet inflúe (coma o ovo e a galiña) nas novas fórmulas mediáticas, coma os xornais de memes: falo de Buzfeed, Verne (El País) ou, máis recientemente, La Voz de Galicia, que tirou do fío das “chapuzas gallegas” (coma se no resto do mundo non existise reaproveitamento de material) ata ter o seu “xornal de memes”.
Las características increíbles de lo que lo está petando en la red
Veña, ao fío, ao clickbait, que ás veces ata é difícil de distinguir dun bo titular. Habitualmente buscan romper a curiosidade, coma a imaxe que ilustra este artigo.
- Unha peza de froita que hidrata tanto coma dous litros de auga
Cando entras no artigo, resulta que non fala de NINGUNHA peza de froita. De feito, a palabra “froita” so aparece no titular. Pero estamos en verán, momento álxido das dietas (xunto a xaneiro) e… claro, ten tirón.
- Unha moza que aparenta estar espida bebendo auga de xeito sensual.
Isto xa é interpretación miña, porque non aparenta ter nada na parte superior do torso, e a miña mente suxa dime que non está bebendo por ter sede.
De feito, a imaxe nada ten que ver co texto, nin co tema. Pero non vou a falar de sexismo, que coas olimpiadas e o lixornalismo machista xa tivemos de abondo durante os xogos olímpicos (medo me dá o que poida pasar cos paraolímpicos). Porque se hai algo que funciona en internet é o sexo, ou a súa promesa. E os gatiños (aínda que esto último non o entendo)
Descubre como hacer buen Clickbait
Pois nas redes sociais, que para iso son os bares de internet (gran momento de Mauro Entrialgo), onde, tamén sexa dito de paso, Facebook está a facer un esforzo por loitar contra el.
Moitas das páxinas de humor que seguimos abusan desta técnica para gañar visitas. Supoño que coñecedes o universo “cabro”, así que nin o vou a ligar para non darlle visitas.
De entre as páxinas máis abusivas con esta técnica, destacaría “Vaya Face”, que é algo así coma “o “chiringuito de jugones” de Facebook: Carnaza, titulares de escándalo, morbo… e para mostra, unha imaxe
En realidade, o ClickBait, a pesar do tono humorístico-irónico deste artigo, é un problema grave. Apelar ao factor emocional é importante en redes sociais; estamos a falar de comunicación, non de tecnoloxía, e a comunicación e as emocións van da man.
A curiosidade é un recurso interesante, pero so cando detrás dela non hai promesas baleiras de contido.
Así que, cando vexas un titular así, non entres ao trapo. Non lles des unha visita máis, unha impresión para o seu contador de anuncios, un motivo máis para seguir empregando esta detestable artimaña.
E, se mo permitides, vou a rematar coma fan en 9gag. Desculpade polo tocho, aquí tedes unha pataca.