En xuño, os taxis de varias cidades europeas (entre elas Madrid e Barcelona) facían un paro sectorial (lembro que os autónomos non teñen dereito a folga, ese é un dereito dos traballadores por conta allea) para protestar contra servizos web que, segundo os taxistas, facían competencia desleal.

No medio desta protesta saltaron voces que pedían mesmo prohibir aplicacións como BlaBlaCar que, polo de agora, non cobra polos usuarios que contactan cos propietarios dos coches.

Esta semana, as queixas acercáronse ao sector hostelerio, co servizo web  AirBnB (un servizo que pon en contacto a propietarios ou arrendatarios de inmobles e a persoas que precisan dunha curta estancia a un baixo prezo);  a Comunidade de Madrid fixa un mínimo de 5 noites para alugar unha vivenda “turística” e así tenta frear o uso desta aplicación. Se xa se obriga a inscribir aos propietarios nun rexistros, agora pretende limitar o número de noites de uso. Isto é o paso previo á instauración dun imposto que repercuta directamente en establecementos hoteleiros (semellante á taxa google).

O que me pregunto é… por qué insistimos en penar o consumo colaborativo? Son aplicacións que teñen éxito porque hai unha demanda e, ao tempo, hai unha oferta (sobre todo en momentos de contracción económica). É certo que existen persoas que están a facer un negocio con este tipo de aplicacións, pero na meirande parte das veces son casos puntuais.

sharing-new-shoppingNo que respecta ao consumo colaborativo no coche está moi claro: se eu fago unha viaxe, son libre de levar a quen eu queira; o que fago é compartir os gastos derivados do uso de vehículo (combustible, desgaste…). De feito, non é rendible en termos económicos utilizar BlaBlaCar como medio de vida e fonte de financiación.

Outro cantar é que a aplicación nos cobre por poñer en contacto aos usuarios, ou se planifiquen rutas para maximizar o número de pasaxeiros.

No caso das “estancias low cost”, a cuestión non é tanta se se debería regular dita actividade como… por que existe demanda dese servizo? Que ofrece unha habitación dun particular que non ofreza un Hotel? Na miña humilde opinión, un prezo máis reducido. Si, un establecemento hosteleiro ten máis servizos, pero… de verdade precisamos todos os servizos que un Hotel nos ofrece? É adecuado o produto hoteleiro á demanda do usuario?

“Que falen de ti, filliño, aínda que sexa mal”

Eso é o que han de estar pensando os propietarios deste tipo de aplicacións. Mentres os taxis se manifestaban, fixádevos neste gráfico para comprobar cómo ascendía o coñecemento das aplicacións uver e blablacar – e posiblemente o seu uso – . No canto de mitigar o uso destas aplicacións, parece que lle botaron gasolina ao lume! (o pico coincide coas protestas dos taxistas).

Utilizando a lexislación para parar a marea

Cada vez é máis habitual introducir un marco normativo para tratar de regular as relacións e posibilidades que se abren coa rede, e normalmente este tipo de actuacións son moi pouco sutís, pouco explicadas e, normalmente, impostas sen consenso.

Non é unha novidade… poderíamos facer unha longa lista de casos onde a tecnoloxía e a sociedade van por diante da lexislación, ou acaso non lembrades…

… O canon dixital, declarado ilegal por Bruxelas? A copia de produtos culturais existía antes de internet.

… a taxa Google xa nomeada alá arriba?

… a lei Sinde > lei Lasalle? (en España, noutros países teñen a súa, como a Hadopi en Francia, por exemplo)

Mentres tanto, a neutralidade da rede, segue sen estar garantida na maior parte dos países do mundo…