Esta semana lin un titular curioso que me obrigou a ler toda a nova (non adoito facelo). De feito, causoume un certo malestar que traducín en forma de artigo neste blog. Está relacionado cos números, coas redes sociais e coa maneira que temos de magnificar as cousas das que, envirtude do atrevemento da ignorancia, non temos nin idea. Velaquí o titular:
El alcalde de Sober, encantado con la repercusión del anuncio de Sôber
Unha historia curiosa – aínda que non entendo como non se produciu antes; o grupo Sôber non é precisamente novo na escea musical – sobre dous nomes que case coinciden e as sinerxias que se producen, ata que, lendo o texto con calma, atopo o cosmopaletismo que producen as redes sociais nalgunhas persoas:
«Grazas á axuda que o grupo está a prestarnos na promoción do concerto, hoxe Sober é coñecida por perto de 45.000 persoas», dice Guitián, en referencia al número de seguidores de Sôber en las redes sociales.
45.000, a cifra máxica, entendo que será a suma dos fans de facebook (35000) e mailos de tuíter (case 10.000).
1ª métrica vanidosa: o número de seguidores en varias redes sociais. É máis que probable que a meirande parte dos usuarios de tuíter tamén sigan a este grupo en facebook. Polo tanto, non estaríamos a falar de 45.000 persoas, senón menos. E sen ter en conta a cantidade de perfís falsos / perfís de empresas que existen tanto en tuíter como en facebook. Por iso me parece enganosa esta cifra.
Supoñamos, agora, que en Facebook esa publicación chegou a todos os fans (segunda métrica enganosa, da que falarei máis abaixo) e que, no mellor dos supostos de tuíter, non so se acadou a todos os fans senón que, ademáis, o tuit máis relevante sobre o tema chegou a un máximo de case 20.000 contas (cálculo feito con tuitmetrix). Nese caso, efectivamente, o alcalde de Sôber estaría non so no certo, senón que a repercusión xerada sería ES PEC TA CU LAR.
Lamentablemente, isto non ocorre así.
2ª métrica vanidosa: o alcance. Porque non todo o mundo se conecta á mesma hora nas redes sociais, e moito menos non todo o mundo se conecta cando ti publicas algo. Publicar algo non se corresponde – nin por asomo – con ser lido pola totalidade dos teus fans. De feito, en Facebook explicaron estes días o porqué do descenso do alcalce orgánico (do que discrepo no fondo, pero será obxecto doutra reflexión).
Afortunado o administrador dunha páxina de facebook cun alcance do 30% (é dicir, que te lean 30 de cada 100 fans da túa páxina) sen pagar nada! Cómo sería posible chegar aos 35.000 fans que dicía o alcalde?
Entendo que, no seu círculo, este señor comprendese a repercusión que estaba tendo porque, na súa escala local, dalgunha maneira este tema chegou a ser unha especie de “trending topic” local (quizáis en relación coa teoría dos pequenos mundos?) pero iso non é garante da repercusión final.
Este tipo de confusións (ás veces ata interesadas) poden ser perigosas e son tremendamente negativas para o correcto desenvolvemento da xestión de comunicación e comunidades online. Por desgraza, máis habituais do desexable…