Case todos os meses, dalgunha maneira ou doutra, acaban por facerme esta pregunta: Por qué hei de facer unha páxina de facebook para a miña empresa e non un perfil? Un perfil é a maneira máis sinxela de entrar no mundo facebook, é relativamente fácil engordalo de amigos… así que… por que había ter unha páxina? Pois é o que tratarei de argumentar neste artigo

facebook2Dende os seus inicios, Facebook sempre tivo bastante claro como había de ser a presenza na súa rede social, ben sexa a través de perfís, grupos, eventos (todos eles para persoas) ou páxinas (para as “non” persoas).

Se es unha empresa, organización, institución… (chámalle X), a pregunta non ten dúbida: tes que ser páxina si ou si. En primeiro lugar porque utilizando un perfil violarías os termos de facebook e poderían eliminar a túa conta… pero xa falaremos diso…

Comecemos polos aspectos negativos (e trataremos de desmontalos)

  1. Os perfís son máis fáciles de “engordar” de amigos. CERTO. É moi fácil encher de amigos un perfil de facebook, incluso segmentando por proximidade xeográfica.
    Aínda así, os datos meramente cualitativos non che producirán un ROI adecuado. De feito, o número de amigos é máis axeitado consideralo un indicador vanidoso (xa falaremos deles) ca un indicador real de éxito. Compensa ter moitos amigos ou poucos e que interactúen contigo?
  2. Os perfís son a maneira máis fácil de estar en Facebook. CERTO. Pero tampouco é máis difícil ter unha páxina, e mesmo xestionala. Podemos utilizar a opción “usar facebook como Páxina XX“.
    Aínda que a xestión de Google+ con respecto a usuario vs páxina é mellor, a diferenciación de facebook para saber cando estamos nunha ou noutra tampouco deixará lugar a dúbidas.

Agora vexamos as vantaxes das páxinas con respecto aos perfís

  1. Estatísticas. Cómo podo saber se as miñas publicacións son boas ou malas? Como podo saber se o estou a facer ben? Pois as estatísticas axudaranche a sabelo. Coñecer quen son os teus “fans”, de onde son, que lingua utilizan… que publicacións tiveron máis éxito, a qué hora é máis adecuado publicar… vixía as estatísticas semanalmente. Seguro que che axudan a mellorar!
  2. Viralización. Existe un ecosistema de aplicacións (fai pouco faleivos dun exemplo de app para facebook moi interesante) moi interesante para que engadades novas funcionalidades á vosa páxina
  3. Contacto non intrusivo. Ao xestionar unha páxina interactúas cos teus fans, pero non tes acceso a outro tipo de información que pode resultar comprometedora ou queres ter restrinxida, como as fotografías.
  4. Visibilidade: unha páxina sempre é visible, non coma un perfil que pode ter moi restrinxida a súa visibilidade.
  5. Número ilimitado de fans: cunha páxina de facebook podes ter máis de 5.000 fans (coma se facebook entendese que é imposible xestionar máis de 5.000 amigos)
  6. Anuncios. Promociona a túa páxina con anuncios pagados en Facebook. Se non es quen de subir o número de fans a través de solucións gratuítas, confía na publicidade de facebook para medrar o teu número de fans. Funciona ben, aínda que o ruído que produce queda só en facebook, é un “xardín valado” (nesta entrada de Enrique Dans podes ampliar información).

Caben melloras?

Moitas, pero eu quedo cunha en particular. Cando se implementou o “timeline” ou cronoloxía en páxinas, permitiuse que os usuarios puidesen enviar as súas consultas a unha páxina a través de mensaxes, pero non activaron a bidireccionalidade: poder iniciar unha conversa dende páxina a perfil fan desa páxina

Compensa ter unha páxina en facebook se es empresa? Definitivamente, que queres estar BEN, si.