Foi un cúmulo de catastróficas casualidades, pero o certo é que non fun eu quen abandonou a Instagram, senón que el me abandonou a min.

Non é unha plataforma na que me sinta cómodo; hai moitas cousas que non me gustan dela: as fantásticas vidas dos demais, o storytelling que acompañan as proxeccións de inseguridades dalgúns usuarios, a excesiva publicidade e o sensentido (opinión impopular) da comunicación efémera en forma de stories.

Pero recoñezo que había algunhas persoas coas que a única forma de manter o contacto era a través desa rede. Ultimamente ata publicaba tan pouco… que navegando polo meu perfil podía comprobar como medraban os meus fillos! Polo menos nunca se lles viu a cara (aínda que non o pareza, a privacidade está por riba de moitos aspectos da miña vida).

Ao conto.

Hai un par meses borrei as claves de Google Authenticator. Aparecían por duplicado cada unha delas, así que decidín borrar as que figuraban duplicadas. Debía de ser un erro, porque un par de días despois volvín entrar na aplicación e xa non tiña triplicados, nin duplicados. Nin nada. Xa non tiña códigos de seguridade. E tampouco me preocupei de recuperalos (gmail, instagram, facebook, dropbox, mega…) porque en case todas as aplicacións estaba logueado nalgures.

E hai un par de semanas, para liberar espazo no móbil, desinstalei algunhas aplicacións, entre elas, Instagram. No iPhone, desinstalar algunhas apps é a única forma de recuperar o espazo ocupado pola caché desas aplicacións.

O caso é que ao volver a “instagrar” (instalar instagram), tiven que acceder de novo á miña conta… e saltoume a verificación en dous pasos, unha verificación que so podía acometer de dúas formas: ou ben co código de authenticator, ou ben o código de seguridade. Nin sms, nin outro móbil, nin mail… nada. Nadiña.

O servizo de soporte de Instagram

O contacto con este servizo de soporte non é fácil. Dende o meu terminal (un iphone) so teño as opcións de introducir o codigo de autenticathor ou o codigo de seguridade, e o formulario de contacto con soporte non funciona.

Uns días despois probei dende outro terminal android que tiña por casa, e aí si que o formulario funcionou. A odisea co soporte de Instagram acababa de comezar.

De forma automatizada, recibín un correo cun codigo de seguridade. O que Instagram me pedía era escribir o código nun papel, xunto ao meu nome e o meu nome de usuario, facer unha foto e remitirlla en formato JPG.

Ah, agora si, xa está solucionado! Pois non. Iso non lles serve para autenticar que es o propietario da conta. O feito de que envíe unha foto miña, que coincida con algunhas das fotos nas que aparezo na miña conta, non serve para autenticar que son o responsable desa conta.

Instagram requiriume máis datos: o mail e o teléfono, pero non calquera… o mail co que creei a conta e o dispositivo co que tiña creado a conta. Aló polo 2014. Infelizmente, despois de catro correo con eles, seguen sen darlle autenticidade ao meu relato. E así remata a historia.

Aí queda outro pedazo de vida dixital, en forma de escombro inaccesible para o autor, conservado nun frasco de cristal inalterable, visible dende o outro lado da pantalla para calquera espectador.

Pero como me dixo Amador, “mira, tamén tes a seguridade de que ningunha outra persoa terá acceso a esa conta”.

Adeus, Instagram. Que a terra dixital che sexa leve