Google News non era, nin de lonxe, o produto máis empregado da multinacional. Seguro que algúns dos que ledes esto, nin sequera sabíades qué era Google News e, polo rebumbio que se montou, sabedes que é algo que facía Google e que vai a pechar.

Non nos enganemos. O seu peche non deixará orfos a millóns de persoas, como sucedeu con Google Reader (algúns temos aínda a espiña cravada dende ese 1 de xullo de 2013). De feito, Google non é unha ONG, e pecha os productos que non lle interesen… por non ser rendibles.

Google Reader non era rendible, e pechouno. Vale, é certo que nin sequera amosaron interese por tratar de monetizar o produto. Moitos usuarios seguiríamos pagando por el.

Google News en España… deixaba de ser rendible.

A (enésima) reforma da Lei de Propiedade Intelectual incluía o famoso “canon AEDE“, tamén coñecido como a Taxa Google, que penalizaría ás webs que agregasen contido. Paga a pena ler o artigo ligado na liña anterior, explica moi ben que é o “canon AEDE”, pero, a grandes trazos, abre a posibilidade de que Google pague millóns de euros aos xornais por ligar os seus contidos na ferramenta Google News. Non está claro quen se aproveita de quen nesta simbiótica relación, xa que Google non xera contidos propios, pero os xornais reciben milleiros de visitas a través de Google News… o caso é que se Google ten que pagar, Google News deixa de ser rendible para a compañía.

Non é primeiro conflito que ten en Europa: Alemaña, Franza, Bélxica… países que tiveron as súas liortas con Google e con diferentes solucións ao conflito. Hoxe é España. E, como é esperable, o peche de Google News non é o final da liorta.

De todo isto, extraio varias conclusións claras. Evidentes, tamén, pero que non convén esquecer.

O poder dos lobbies está máis que contrastado neste país. É preciso regulalos.  Que exerzan a súa función, si, pero baixo un control que inclúa, alomenos, o seu rexistro, a actividade á que se adican e a quen representan. O mínimo que merecemos é saber cómo son as loitas de poder.
Existen exemplos de rexistros de lobbies noutros lugares. Na Unión Europea, por exemplo (a pesares do seu carácter voluntario). Porque o goberno non incluiría o “canon AEDE” motu propio… verdade?

A inseguridade xurídica en España é digna dun país pre-democrático. Non se enfaden os xuristas, non quero poñer en tela de xuizo o concepto de seguridade xurídica; quero destacar que os bandazos que dá o marco normativo español nalgunhas áreas son un freo á inversión de capital, ao emprendemento e, en definitiva, ao desenvolvemento empresarial.
E non se trata do único ámbito onde a inseguridade xurídica é palpable: o “mundo estartapil”, a burbulla do emprendemento, a regulación do mercado enerxético…

Agora, o título. Victoria do “seculopasadismo”… que é iso? Pois o exemplo de que as estruturas de poder e a minoría dominante seguen a empregar os xeitos do século pasado. Freos ao consumo colaborativo, mesmo legais, que, por máis que estemos no Século XXI, nos obrigan a pensar que vivimos nun “Século XX Dixital