Non adoito participar moito nos “saraos” de internet porque sempre participan as mesmas persoas e contan as mesmas cousas, pero tiña ganas de asistir a este evento en Lugo por varios motivos: ademais da xente que seeeeeempre está nestes saraos (insisto, nunca fun moi de tuitstars), había persoeiros moi interesantes.
Tiña moitas ganas de coñecer a TaxiOviedo (con quen, mira ti, acabei tomando un café sen saber que era el!), así como a mesa temática sobre turismo, que contaba con xente interesante como Gonzalo de “Mi Nube” (supoño que polas espectativas, decepcionoume un chisco).
Era un evento curioso polo elenco de artistas: algúns moi coñecidos – que podían decepcionar ou non – e outros menos coñecidos – que deixaron un grande sabor de boca – e… por quen o organizaba: a Deputación de Lugo. Curioso. Moi curioso. Tantas veces criticando as actuacións destes organismos decimonónicos – aquí servidor, ourensán de nacemento, crecemento e sentimento – para ver como unha delas organizaba un evento con moi bo acerto, teño que dicir.
RELATORES BEN
Que descubrimentos neste evento! Supoño que tamén foron máis descubrimentos para min porque nin participei /seguín / me interesei, polo EBE ou os premios bitácoras, foi unha delicia escoitar a todos os relatores (salvo excepcións dos que non falarei. Supoño que se ledes o cartel e non os atopades entre os que cito, as súas ausencias falarán por si mesmas)
- Sebas Muriel: nunca fun tuenteiro, pero con este mozo falando do seu produto, éntranche ganas de pechar a conta de facebook e abrila en tuenti. Salvo que tuenti esté cheo de canis. O mellor da súa exposición?
a) Recoñecen públicamente o seu problema de marca (que non é outro que a realidade das redes sociais, que son definidas pola súa comunidade)
b) Que está convencido do seu produto (ollo, produto, non servizo) e que a súa visión estratéxica é clara e saben que os problemas que teñen son temporais. - Blogoff: Se algún CEO pasou pola sala, foi este mozo. Exposición brillante, sinxela, con tintes de humor, falando do seu produto e da súa cota de mercado, dun xeito realista e nada pretencioso.
- TaxiOviedo: un taxista que utiliza as novas tecnoloxías, está en tuíter… fai vídeos. Esto non podía perdelo. Él mesmo recoñece que non ten mérito o que fai (SI que o ten, ollo), que leva ao seu ámbito analóxico todo o que é dixital (e social)
- Clara Grima: a profesora de matemáticas que sempre quixemos ter. É posible ensinar matemáticas con pasión, e transmitila. Quizáis se ela estivese en 2º de BUP no meu instituto, a trigonometría non se me houbera atascado (1,75 sobre 10, a peor nota que saquei na vida) e latín e grego non me houberan feito as beiras dun xeito tan notable.
- Victor Grande: como di o seu apelido, Moi grande. Máis grande o primeiro día que o segundo, tamén é certo. Se tedes ocasión, debedes velo actuar alomenos unha vez.
DESVIRTUALIZACIÓNS entre o público.
Os momentos de humor (incluso algo de trolaxe) e compartibilidade estiveron protagonizados pola xentiña que – algúns dende hai anos – sigo en tuíter e facebook e nos desvirtualizamos ao fin. Ben sexa @xabierm (o meu aunténtico tocaio, tanto de nome como de apelido) ou @echeoquehai, ámbolos dous na organización do evento, coma os asistentes entre o publico como @agosreigosa, @iagovarela, @carlos_toural, @mighelalbo, @teresapineiro… foi MÁIS que agradable compartir estas xornadas convosco.
Mención especial merece @quecheparece, a quen tiña moitas ganas de coñecer en persoa e aprovitei para abordar e atosigar a preguntas (descúlpame se nalgún momento parecín pesadiño). E falo da mención especial – e non como ponente – porque o mellor estivo entre bastidores. Señores e señoras, a persoa que está detrás da presencia online de R (falo da persoa, pero, en realidade, representa a unha morea de persoas de atención ao cliente!) debería escribir un libro sobre as anécdotas do seu día a día. Sería un libro de humor? unha traxicomedia? Iso queda á súa escolla, pero, por favor, @quecheparece, se les esto, queremos un libro.
ORGANIZACIÓN
Non podo dicir absolutamenta nada negativo sobre a organización. Dende logo, está claro que a xente que está detrás leva anos e anos organizado eventos (non sei se tecnolóxicos ou non) pero a organización foi perfecta. De DEZ. Nada que reprocharlles, dende o proceso de inscrición ata a despedida e entrega de diplomas (cousa que non esperaba)
As instalacións quedaron pequenas (moita calor na sala de conferencias, non sei se na outra sala foi igual), o cal demostra o éxito do evento.
Que me gustaría ver no InLugo 2014?
Manter o nivel, que será complicado. Máis proxectos galegos (independemente de que sexan da provincia ou non), e menos premios de dubidosa credibilidade, coma o @lucenseenfurec (non podo quitar da cabeza a intelixente manobra de destape desta conta, non… :)
E, sobre todo, vervos na vindeira edición. O grande deste tipo de eventos, alén dos participantes, son os asistentes. Vémonos para o ano que ven?