O domingo 27 de xuño asistín á II Feira de Cans de Caza que organizou a asociación de cazadores de Castrelo do Val.
Esta segunda edición sucede á primeira en contidos, espectáculo e, sobre todo, en organización. O meu primeiro aplauso é para a asociación de cazadores pola boa coordinación e organización de tal evento.
A actuación estelar foi a exhibición de cetrería, onde puidemos ver aves rapaces de case todas as clases, dende a todopoderosa águia real, águias de Harris, falcóns peregrinos, cernícalos (as aves rapaces máis pequenas, duns 90gr de peso!) e incluso aves rapaces nocturnas como o moucho real ou a curuxa, tan típica nos nosos montes.
Este ano, como novidade, os rapaces de Falcóns Galicia trouxeron un corvo (con carreira televisiva, xa que era o que saía na serie galega “Pepe o Inglés” que demostrou por qué son as aves máis intelixentes.
Como apunte crítico – moi quisquilloso pola miña parte – botei de menos o azor, a ave rapaz máis común dos montes do interior.
En todo caso, aquí vos deixo unhas imaxes dos cans e das aves rapaces no paso pola segunda edición desta feira que, “sediosquer”, ha de ter máis edicións (ollo, as imaxes foron tomadas cámara en man, desculpade as vibracións e movementos da cámara)
II Feira de Cans de Caza en Castrelo do Val from Xabier Rolán on Vimeo (50 mb).
Ao remate da feira, o Concello organizou unha degustación de viños dos pobos da comarca (por se alguén non o sabe, os viños da nosa comarca están xeográficamente encadrados dentro da D.O. Monterrei)
E para acompañar eses viños, que mellor que unhas empanadas elaboradas con carnes de caza (a de corzo estaba excelente). Mara mostra, esta foto
Dende o punto de vista persoal, este tipo de feiras son moi positivas: en primeiro lugar, porque axudan a dignificar o rural; e en segundo lugar, porque axuda a botar abaixo os falsos mitos relacionados coa cetrería.
NON é certo que as aves rapaces sexan as causantes da maior parte da desaparición das aves domésticas.
NON é certo que as aves rapaces conte as súas presas por lances
e NON é certo que os cetreiros sexan exterminadores da caza.
Quen me coñeza sabe de sobra a miña opinión sobre a caza (nada favorable, para que negalo) pero coido que este tipo de accións servirán para limpar a mala imaxe que poidan ter os cazadores nalgunhas zonas.
Estas feiras ensalzan a figura do can como leal compañeiro do home, e as probas ás que se someten soen ser de seguimento de rastro, non tanto de caza directa.
Posiblemente, para o ano volva. Sobre todo, pola degustación gastronómica e polo espectáculo que ofrecen os rapaces de Falcóns Galicia.
Iso si, abstéñanse de vir as persoas de olfato delicado… os primeiros minutos entre os cans son perigosos…