A palabra capar, tan utilizada no mundo animal (a equivalente humana sería castrar) tamén se utiliza no ámbito das TIC. Acostumamos oír que un ordenador ten os portos “capados” para evitar descargas como e-mule ou torrents, ou os posuidores dun iPhone sabemos que o porto BlueTooth está “capado” para non poder enviar nin recibir archivos a través deste protocolo de transmisión de datos. Todos estes “capados” prodúcense mediante software.

Hoxe quería deixar constancia dunha práctica de moitas empresas tecnolóxicas á hora de exercer un capado na elaboración do hardware.

En realidade, o capado por hardware é máis común do que a xente cre, e leva presente nas nosas vidas dende hai moitos anos.

Alguén lembra as cintas magnéticas que utilizabamos para escoitar música? Si, os “cassettes“. As cintas virxes, utilizadas para as nosas gravacións, traían unha lámina de plástico que podíamos romper ao finalizar a gravación para evitar que ninguén sobreescribise eses datos.

Ese “capado” por hardware tiña fácil solución: bastaba cunha tira de film adherente (eu sempre o coñecín como celofán ou “celo”) para poder volver a regravar por riba dos datos orixinais.

O capado por hardware tamén é moi común no mundo automobilístico. Antes do protagonismo das centralitas electrónicas, os motores tiñan unha limitación de cabalaxe medianta algún dispositivo mecánico, que aseguraba que cumprían a normativa ou se adaptaban ás especificacións do produto. É curioso salientar como, por exemplo, o modelo M3 de BMW viu incrementado o número de cavalos de potencia co paso dos anos, mentres que reducía a súa velocidade punta (algún modelo dos 90 acadaba fácilmente os 250km/h)

Existe ademais unha forma de capado singular, cada día máis posta en práctica por más empresas: o capado a través dos parafusos. Trátase este dun capado que evita aos propietarios dun produto poder acceder ao seu interior sen danar a carcasa.

iphone pentaglobe e1295546943419Volvo aquí a falar do iPhone, porque dende hai un ano, máis ou menos, Apple utiliza uns parafusos “pentaglobe” para evitar que abramos o dispositivo. Dende logo, un exemplo de como se pode distribuír un produto totalmente pechado por software e hardware.
Sen saír do mundo da telefonía, os cargadores Nokia utilizan uns parafusos de 3 puntas que, se ben son máis sinxelos de atopar que os anteriores, dende logo non están en todas as casas.

 

É habitual que as regletas, onde podemos conectar múltiples enchufes (como os cargadores anteriores ;) non traian parafusos habituais, senón un parafuso pasante que, unha vez no seu sitio, non ten cabeza para poder desparafusalo. Polo que tamén é habitual que, unha vez fundida a resistencia destas regletas (xeralmente de baixa calidade e baixo prezo) sexa máis fácil mercar unha nova que abrir o aparello e reparalo.

E o último exemplo, voltando ao mundo da automoción, atomámolo (entre moooitos) no caudalímetro Bosch que utiliza Volkswagen / Audi / Seat / Skoda / BMW… nos seus modelos (ata hai ben poucos anos), que incluían uns parafusos tipo “Allen”, pero que non eran ocos no centro, o cal obrigaba ao desparafusador a ser de cabeza oca para poder funcionar (a quen lle interese, en concreto é unha chave torx inviolable número 20).

Son só uns exemplos de limitación vía hardware que, en moitos casos, alimentan a obsolescencia programada. E vós, coñecedes outro tipo de capado por hardware?