twittertoolsHoxe volvo a falar de ferramentas de tuíter porque… ter un blog sobre redes sociais… e non falar de redes sociais… pois tampouco é unha boa carta de presentación, non credes?

Aquí van unhas poucas ferramentas que debedes probar coas vosas contas de tuíter

http://blockedby.me/ Nunca bloqueaches a ninguén? Entón é que pouco tempo pasas en tuíter. A medida que ganas experiencia, tamén ganas inimigos, e trolls. E perdes a conta en baneos (ou non).  Pero por se acaso, podes empregar esta ferramenta, que permite obter un listado dos usuarios aos que temos bloqueados… por se te arrepintes :)
http://circular.io/ Se nalgún momento empregaches Buffer para programar tuits… non deberías esperar a probar Circular. Audodefínense como a alternativa de código aberto (dispoñible en github) de Buffer, e ata a súa estética é semellante. Se tivese que poñerlle un “pero” é que non acurta automáticamente as ligazóns, por iso debedes pasalas previamente por un acurtador como goo.gl ou similares.
http://kred.com/ É unha alternativa ao todopoderoso Klout. Se empregades esta métrica habitualmente, outro parámetro para ter en conta, e enriquecer os vosos informes comparativos, Kred é unha boa maneira de facelo. A influencia estabécese nun valor entre 0 e 1000 en base a mencións, RT’s e respostas.
https://followerwonk.com Buscar usuarios novos ou usuarios interesantes, ás veces, é complexo. A min gústame facer procuras a través das “bio” ou biografías, pero para iso o buscador de tuíter (que é bo, mellorou moito, pero non é todo o completo que a min me gustaría) non me é suficiente. Podes empregar esta ferramenta precisamente para buscar usuarios por termos nas súas “bio”, incluída segmentación xeográfica, por exemplo (moi útil para acotar termos entre España e América Latina…)

Como xa sabedes, son ferramentas gratuítas, así que, no peor dos casos, perderedes un tuit promocional (por iso de “tuitear para probar a ferramenta”).

Lembrade pasar pola configuración da vosa conta e verificar que ferramentas teñen concedidos permisos!!!

A todo isto… notades o blog máis lento do habitual? Unha latencia indebida na primeira carga? Ou son eu que me estou a volver un pouco rariño?