En plena época de “emprendemento”, e nun día tan sinalado coma hoxe (12 de outubro, día do Pilar, da Hispanidade, da Patria Española, chámalle como queiras), velaquí vai unha reflexión sobre o fomento dos emprendedores.
5 séculos atrás, un señor (disque xenovés, outros din galego, outros catalán…) moveu os seus fíos para presentarlle un ambicioso proxecto aos principais monarcas de Europa. Un proxecto sen garantías, onde solicitaba diñeiro a fondo perdido reino por reino… ata que deu coa coroa de Castela. A raíña, pese á negativa do seu consello de expertos (e disque ata empeñando as súas xoias) avalou o proxeto de Colón. Hoxe coñecemos América.
5 séculos máis tarde, uns señores moveron os seus fíos para presentarlle o seu ambicioso proxecto aos principais fondos de investimento ata que deron con Sequoia Capital, que os avalou. Hoxe coñecemos Google.
Imaxinemos a Colón hoxe en día, tentando expoñer o seu proxecto ao Goberno ou Xefactura do Estado Español… trabas burocráticas, impostos, lei de garantías, seguro de responsabilidade civil… sería máis sinxelo? Dubídoo. De feito, esta é a conclusión da pequena reflexión: todo o contrario, sería máis complexo e complicado.
Así que, no canto de estar a celebrar descerebradamente o día de hoxe, igual sería bo celebrar o maior investimento feito en I+D+i da historia do reino de Castela, se é certo que a raíña empeñou as xoias.
Hoxe habería máis fondos, ben seguro, pero ninguén se arriscaría a tal investimento.
Curiosamente, a revolución google é (salvando as distancias e ao desenvolvemento exponencial) á revolución da imprenta,50 anos anterior ao descubrimento de América. Deixen voar a imaxinación e pensen nun descubrimento sociocultural igualable ao descubrimento de América, dende Google a 50 anos vista cara o futuro…
Disculpen as miñas imprecisións históricas. É un relato de ficción que se aproveita de mitos e lendas inzadas na nosa cabeza para ilustrar un conto que se me pasou pola cabeza mentres almorzaba