Fai algunhas semanas entrou en chez Rolán un novo trebello, un macbook air co novo procesdor M1. O deseño é o mesmo que leva facendo apple dende 2016 (nos modelos air, 2017), así que se trata dun modelo xa moi testado. Persoalmente, sigo atopando moi fermoso o deseño de aluminio dos macs 2012-2015 (en air, 2011-2017), pero este non está mal.

Se tivese que resumir a experiencia deste macbook, tería que retroceder 30 anos para falarvos do anuncio do Clio Williams (modelo deportivo do primeiro Clio, sustituto do R5), que dicía “cuerpo de Clío, alma de Williams”. Certamente, é un chasis vello, pero cun motor completamente novo. E digo Clio Willians, e non R5 Copa Turbo, porque é potencia con xeito, non forza bruta sen conter.

Vista detalle do teclado do Macbook Air M1

O modelo que entrou é o modelo básico, o máis baixo de todos, macbook air m1 con 8Gb de RAM e 256Gb de disco duro. Por que este modelo? Polo prezo. Así de simple. En Amazon son 950€ (case 200€ menos có prezo oficial), un custe inferior á promoción para estudantes. Como cabería esperar se segues a ler este artigo, terás dúas preguntas na cabeza: chegan os 8gb de ram? É suficiente hoxe en día cun disco duro de 256Gb? Pois tratarei de dar resposta ao longo do texto, porque son cuestións fundamentais.

Como tamén é lóxico, é imposible non comparalo con outros equipos. So o vou facer con outros macs, porque as mazás compáranse con mazás, non con peras (oi, o que dixen!); no meu caso, cun macbook pro late 2013 (16GB ram, 512SSD), un imac 2015 (8GB, 1TBHD) e un Macbook Pro 2019 (8Gb, 512HD).

Deseño e hardware

Un deseño que pouco ten que contar. Está moi trillado. Si que é certo que, en comparacións con outros equipos do seu ano, nomeadamente un honor portátil que ten a miña señora, os marcos da pantalla parecen moi anchos. Tampouco o son tanto, pero si que é certo que xa estamos acostumados a ver marcos máis estreitos.

Non pesa nada (1,29kg.), é lixeirísimo. E nótase. Eu que veño de cargar con case 3kg. de portátil macbook de 15 polgadas, agora atópome con algo moi lixeiro. De feito, este macbook pesa menos có ipad pro con teclado. Aí o deixo.

O teclado. Non está mal. A ver, está ben, non pensedes que é unha queixa. É cómodo, rápido, cun tacto agradable, que mellora MOITÍSIMO ao teclado bolboreta que montaro entre 2016 e 2020. Pero non é o teclado máis cómodo de Apple. De feito, a min sempre me gustou moito o teclado que montaban antes, entre 2008 e 2016. Pero a mellor experiencia con teclados Apple é o magic keyboard para ipad. Estamos a falar de 300 eurazos, pero é a mellor experiencia en teclado que existe (dende onde escribo agora mesmo)

Os novos teclados no macbook air? Ben, en serio, non defraudan, pero non é premium. O que si ten é barra superior de botóns físicos, sen touchbar, que baixo a miña opinión era unha cousa hiper-molesta. Que alivio volver a ter teclas para subir e baixar o brillo e o volume!!! E botón ESC.

macbook air 3

Ai, como presta ter a barra de botóns superior no macbook air m1

Non so nos teclados notas que non é un portatil premium, que non é o portátil tope de gama. Hai dous elementos máis que non son o mellor do portátil:

A webcam, que cumple o cometido, pero o sensor é moi básico. Demasiado, para estarmos en 2021 e termos vivido unha pandemia que nos obrigou a teletraballar e teleconferenciar.

Os altofalantes: cumpren, e escoitas ben, pero non teñen nada que ver coa gama pro, onde preferías eses altavoces a uns cascos. No macbook air quedan moi xustos de graves, sonando mesmo metálicos, e recomendo encarecidamente mellorar por software o son, a través de Boom ou similares, porque a experiencia é pobre, para o que estamos acostumados. Dito isto, a ver como metes uns altofalantes útiles e potentes nun portátil ultradelgado dun kg de peso. Pero queixarse é gratis.

Software

O software é un lugar con claroscuros neste mac. Capaz do mellor e do peor ao mesmo tempo. Un sistema operativo (Big Sur) que comezou mal, con bugs moi graves, e que leva a apariencia gráfica a unha “ios-ificación” nunca vista, pero que no día a día non se sinte tan lixeiro coma teléfonos ou tablets. Quero dicir. Arrancas un ipad e a apertura de apps é prácticamente instantánea, non sucede iso no mac.O que levanta ao sistema é o propio SoC que monta Apple.

Apple leva dez anos montando o seu propio chip en teléfonos, portalo a equipos máis grandes era cuestión de tempo, todos o sabíamos, pero verdadeiramente, con este chip acaban de adiantar nun par de anos á competencia. Todas as probas que vin, benchmarks… todo era como esperaba no día a día do uso do portátil. Aínda agora me parece incrible poder ter un equipo que por fóra é igual aos vellos, pero que dura tres veces máis de batería, e quéntase a metade.

Non sabía o que era cargar o portátil cada dous ou tres días. Eu, que vivin sempre con portátiles enganchados á corrente (por certo, non afecta NADA á batería telos sempre enganchados á luz, algo que levo facendo case 20 anos).

E que fresquiño! O procesador sempre a 35º-40º, 45º se está conectado a un monitor externo (os que teñades un macbook, seguro que tedes que flipar con isto). Exportando un vídeo longo a un formato complexo e facendo multitarefa logrei levao aos 82º, pero o sistema non se resentiu.

Os meus macbook pro, os dous que trasteei máis tempo… podían fritir ovos na carcasa. Ah, e outra cousa…. Non ten ventilador (non lle fai falla, con esa temperatura) e non se escoita nada. E como non se escoita nada, non ten ventilador… nin van entrar partículas non desexadas dentro do equipo, un problema menos.

macbook air 1
Fotiño do trebello pechado, co seu adaptador, porque SEMPRE vas a precisar un adaptador cos macbooks posteriores a 2016

Este procesador é unha marabilla. Rápido, silencioso, eficiente…. E como ten a ram e o discco duro soldados e integrados, a rapidez é maior (a contrapartida é que non é posible ampliar, eh?). Agora ven a pregunta: chegan 8GB de RAM?

Na miña opinión, despois de facer algunhs probas de uso intensivo, é que SI, chegan. Non notei falta de ram en ningún momento. Tan so se empregas arquivos moi pesados ou virtualizacións de equipos recomendaría que pensases en ampliar a 16gb, pero para o 95% dos usuarios, entre os que me incúo (e creo que son bastante heavy user), chegan os 8Gb.

Digo isto con coñecemento de causa: no macbook pro de 2019 con procesador intel tiña 8gb de ram, que eran absolutamente insuficientes. No macbook air (insisto, gama de entrada) veña a abrir pestanas e apps, e nunca se resentiu. Algunha vez ten aparecido a pelota de praia, pero máis pola broza de sistema operativo que polas necesidades de ram.

Está tan ben optimizado o sistema, que se falta algo de ram usa a memoria swap (emprega un cachiño de disco duro como RAM), algo que pode facer porque o disco duro ten unha velocidade de lectura/escritura superior a moitas ram que tedes visto (+2200). Disque isto pode ser un problema. Non sei cantas veces hai que empregar o swap para que se fastide o disco duro, eu vino en acción MOI POUCAS veces, tan so un día que abrin 82 apps de golpe (o día que lle din caña para ver ata onde chegaba) vin que consumía 5gb de swap e que o procesador subía ata 82º.

Unha besta, en serio, non quero saber como serán os pro ou os novos procesadores. Repito, esta é unha gama de entrada, co primeiro procesador para equipos de escritorio, como será o que está por chegar…

Chegan 256Gb de disco duro? Creo que a pregunta en realidade é: merece a pena gastar 230€ Por unha ampliación a 512Gb? Porque por eses cartos tes un disco duro externo de 2TB cunha velocidade moi boa. Eu o que fago é depender da nube para os arquivos importantes do día a día, optimizando os que están descargados e os que non, e teño unha tarxeta microsd de alta velocidade (30€) para outras nubes e almancenamento. A tarxeta microsd vai sempre no adaptador (ai, SEMPRE neceistarás un adaptador con mac), así que xa é unha parte deste equipo. Sei que un ssd externo sería mellor opción, pero aínda non quero dar o paso a ter algo tan “voluminoso” pegado ao equipo. Sei tamén que hai adaptadores hub que teñen discos duros integrados, pero tampouco o preciso agora mesmo. Con todo, non o descarto para o futuro.

Con esta configuración eu estou a emrpegar uns 100Gb de espazo no disco duro, creo que non vou a ter problemas. E seino porque no macbook pro con 512, o máximo que cheguei a ocupar foron 260 Gb de espazo. Con que teñas algo de tino e vixiles cada certo tempo o espazo que tes no disco, será suficiente.

Algunhas eivas que notei neste mes de uso

Se esperabas unha análise sen queixas dun macbook air m1, por parte dun fanboy confeso, non a vas a atopar. Atopei cousas que non me chistaron, e aquí van.

O consumo é xenial… mentres non introduzas nada externo. Se conectas un monitor ou un simple concentrador cunha tarxeta sd, o consumo multiplícase por tres. A batería pasa de durar 18h a durar 5h. Comprobeino con varios adaptadores e concentradores usb, e un adaptador para monitor externo (o monitor, coa súa alimentación).

A vista previa de arquivos ten algún erro, xa que a apertura non é instantánea, coma se utilizase un dos procesadores de baixo rendemento e despois chamase a outro de alto rendemento. Nos mac con procesadores intel, a previsualización é instantánea.

Pasa o mesmo cando abres mediante acceso directo a captura de pantalla (Comando + maiúsculas + 4), nos macs con intel é instantánea, e nos macs con chips M1 non, tarda medio segundo en iniciarse. Isto é molesto, a verdade.

editado: a actualización de MaOS Monterey soluciona este problema da captura de pantalla

Debido ao sistema operativo, as dúas impresoras que uso a cotío deixaron de funcionarme. Non hai drivers. Mal por Brother e Samsung. Outro incordio.

Detectei algúns problemas de conexión a redes wifi con autenticación mediante navegador (a que uso no traballo) e mesmo eduroam. O caso é que na Uvigo non me vai, e na USC si. Teño que seguir facendo probas, pero nalgunha clase xa tiven que tirar de conexión 4g do móbil para poder impartir a docencia.

Veño dun portátil de 15,6 polgadas. Considerando que uso gafas para ler dende hai xa 20 anos (“vista cansada”), as 13,3 polgadas fáiseme unha pantalla pequena. É certo que na casa teño un monitor externo, pero non atopo tampouco a medida para o meu escritorio: as 18 polgadas fánseme pequenas, as 24 xa son excesivas para o meu pescozo (e vós, que tipo de pantalla empregades)

Veredicto

Pois que queredes que vos diga. Se sodes dos que renovades equipo cada 4 anos, diríavos que este macbook air m1 é unha moi boa opción. Tanto é así que probablemente me desfaga tamén do Macbook Pro de 2013, onde o único que botarei en falta é esa tremenda pantalla grande de 15,6 polgadas. Polo demais, e salvando as eivas que pode ter, creo que é unha excepente opción custe/rendemento para iniciarse ou manterse no ecosistema Apple.

Agardo que vos sexa útil.