Vía na prensa esta semana que o caso Barcenas e os ERE de Andalucía se diluían co paso dos días e quixen facer un pequeno experimento, unha sinxela procura en Google Trends. E este é o gráfico resultante
Se nos fixamos detidamente nos últimos meses, hai dous picos… pero a tentencia é a que se reduzan as procuras deste termo e, por ende, merme o interese.
O experimento non é científico, nin pretendo demostrar nada con iso. Cada un que saque as súas conclusións… pero o que si me serve é para dar pé á reflexión, a como c*rallo chegamos a unha situación de escándalos por corrupción como a que vivimos…
…na que un goberno esté posto en tela de xuizo pola presunta financiación irregular do seu partido…
… polo cobro de supostos sobresoldos en negro…
…ou polas desviacións de fondos a través de falsos eres…
…ou facturas que pagaban conceptos que nada tiñan que ver coa formación á que supostamente debían estar destinadas…
E resulta demasiado sinxelo botarlle a culpa aos políticos, porque políticos somos todos, e política é todo o que nos rodea.
E trato de levar os millóns de euros dos que falan os xornais ao meu entorno, e a persoas que coñezo, e, no fondo, non me debería resultar tan raro o que acontece por lelo en xornais no canto de enterarme nos ruxe-ruxes da miña comarca.
E vexo a palla no ollo alleo sen ver a viga no meu…
…Porque Bárcenas tamén é cobrar unha subvención para sementar unha leira de millo e que dita leira quede a monte….
…Porque ERE’s tamén é dicirlle ao mecánico que non che faga factura, sen IVE e así aforras uns cartiños
…Porque UGT-A tamén é facer chapuzas a domicilio sen estar dado de alta como autónomo (por exemplo)
Especialmente significativo é esto último, e remato cunha vivencia do meu entorno cercano.
Coñecía un home (dioloteñanagloria) que presumía do seu fillo porque traballaba nunha empresa que, de cando en vez, tiña que encargar algúns traballos a terceiros (que debían ser xustificados con factura). O fillo pedía un presuposto a unha “empresa amiga” e, cando o presuposto estaba aprobado, collía uns días libres para facer el o traballo de tal maneira que o diñeiro se repartía entre o rapaz e a “empresa amiga”, e ninguén se enteraba.
O home fachendeaba do seu fillo, dicindo que era moi listo. A situación non sería tan grave se ABSOLUTAMENTE TODAS as persoas que estaban ao seu arredor, escoitando as malas prácticas do seu fillo, o felicitasen, cunha palmadiña na espalda, e suspiraban desexando que os seu fillos fosen tan listos coma os dese señor…
E cada vez que penso nisto pregúntome como chegamos ata aquí, podres de corrupción. E sinto noxo. E ás veces, ata pena, porque sendo como fun autónomo, igual era o único “tonto” que nunca cobrou nada en B.
(por certo, a viñeta é de JR MORA, e podes vela aquí)
Cona! Non son o único que pensa que en grande ou pequena medida todos somos un pouco corruptos e todos temos un prezo (maior ou menor)…
Se fose sociólogo (para iso teño un irmán que o é…) diría que é un mal enquistado na sociedade como consecuencia de que España careceu dunha estrutura administrativa de Estado até onte mesmo. E cando esta estrutura se creou, foi ocupada polos mesmos que antes aproveitaban a súa situación privilexiada para amañar as cousas (sexa terratenente, cacique, ou o rico da vila). Tamén diría que nos estados onde menos corrupción hai son aqueles cunha ampla cultura institucional ou democrática. E por último engadiría que que tire a primeira pedra aquel ou aquela que non chamou un colega que é policía para que lle quitase unha multa, ou outro colega que traballa nun hospital para que lle intentase adiantar a cita no médico, ou aqueloutro que non sei aproveitou da tarxeta de empresa para encher o depósito de gasolina no seu coche persoal… Se xuntas todo iso, comprendes porque aquí somos tan tolerantes coa corrupción.
Por último, unha reflexión: quita a palabra “político” ou “os políticos” en calquera das frases tan comúns hoxe. Pon calquera outra, do tipo, “os rumanos”, “os negros” ou “os xitanos”. Poñamos exemplos “Os xitanos son uns ladróns”, “Os negros róubanos”, “Os rumanos só miran por eles”. Serían oracións prexuiciosas propias de Rudolf Hess…