Non é a metáfora máis orixinal, pero representa a miña realidade actual. Chegou o momento de aforrar folgos para tempos mellores, porque aínda que xa entrou o verán, a chuva non deixa de caer, e cada día arrastra máis lodos.
Logo de tres anos como autónomo – a clase traballadora máis penalizada dende o punto de vista fiscal, nunca cansarei de repetilo – boto o peche á miña actividade profesional porque os gastos son fixos e os ingresos, variables.
Sería extremadamente fácil non facer autocrítica e culpar únicamente á situación actual: á contracción do gasto público, retrasos nos pagos tanto de clientes como (sobre todo) da Administración (ata oito meses tardei en cobrar unha factura de 300€, e boto o peche cunha débeda de 600€ que non teño moi claro se cobrarei…)
Erros
Pero, doutra banda, a miña xestión tamén me conduciu a esta situación, así que, vou enumerar algúns erros cometidos para non cometelos outra vez e, de ser o caso, vos poidan axudar a evitalos.
- Mala planificación de ingresos. Acotar temporalmente proxectos que se estiran no tempo por cuestións técnicas, humanas… acaba por pasar factura. Se a túa previsión é facer un traballo de 1000 euros nun mes que acaban converténdose en dous meses, o beneficio redúcese á metade. Os gastos fixos corren mes a mes.
- Peso da relación persoal sobre a económica. Nalgún caso, implicou con algún cliente a execución de melloras non contempladas, nin previstas e que, dende logo, nunca foron valoradas polo cliente final. O meu erro estivo nunha mala negociación e en non poñer en valor certas melloras que outro tipo de empresas si sabe vender ben. Demasiado ben, ás veces (falo dos vende-fumos).
- Inversións realizadas sobre previsións e non sobre proxectos estables. Se tedes que renovar algún equipo ou ben, procurade non so ter os cartos, senón ter ben planificada a súa amortización. Poño, por exemplo, o custe da miña cámara de vídeo, dado que a facturación do equipo non cubriu sequera o custe da mesma. Ao mellor para os traballos que realicei houbérame chegado unha videocámara máis sinxela, e non a Sony NX5E.
- Poucos proxectos estables e moitos proxectos temporais. Tratade de buscar sempre proxectos que vos esixan un número de horas ao mes e asegurade ingresos mes a mes. Está moi ben o de facturar unha web de vez en cando, pero ter que buscar mes a mes diferentes clientes para diferentes webs é un traballo extra que non reportará un beneficio directo.
Futuro
Con todo, teño que dicir que gocei moito (MOITO) con case todos os proxectos nos que participei. Dende o punto de vista persoal estou máis que satisfeito de todo o camiño recorrido. So que non podo continuar cunha actividade que me ten reportado bastantes máis satisfaccións personais e profesionais que económicas, e todos sabemos que do aire non se vive.
Sobre o futuro? Contra o que poida parecer, é ilusionante. Esta decisión está profundamente meditada e consensuada coa almofada. Trátase dun punto e seguido na miña carreira; unha parada de fondo ante unha carreira imposible de gañar nestes intres. O que si está claro é que nin me alonxarei do mundo da comunicación, nin da Internet. Creo firmemente que fai moita falla dignificar a profesión do comunicador online, e tendo os brazos a calquera iniciativa que leve a asociarnos e, sobre todo, colexiarnos.
Teño intención de continuar escribindo neste espazo sobre o mundo que me rodea, sobre algunhas cousas das que penso que entendo e das cousas que me enrabean (que, ao parecer, son os contidos que máis vos gustan)
Non me gusta escoitar estas cousas, pero comprendo e comparto as inquedanzas que comentas. Das miñas experiencias laborais aprendín varias cousas:
– Dicir que non. No trato co cliente é complicado saber dicir que non, pero teño apreciado máis dunha vez que se se xustifica e se trata con pedagoxía, un non a tempo é unha ventaxa futura que non sempre é mal mirada.
– Medir o que podemos e compensa facer. Sempre haberá cousas que se escapen do traballo inicial. Saber escoller aquelas que supoñen un custo adicional mínimo e rexeitar as que poden arriscar todo o proxecto é dificil pero cen pequenos “dao por feito” sempre me foron menos custosos que un simple “bótolle un vistazo e dígoche”.
– Contextualizar e ter vista. Cando tiven que meter cartos en historias, sempre tratei de ver se podería rendabilizar no futuro. Non gastei nunca en nada para un único proxecto… e para o que puiden reaproveitar, tiven menos perdas cunha segunda vez. O cal non quere dicir que no conxunto non fose mellor o balance, pero foi menor a perda.
– Traballar gratis. Sempre tiven claro que como e durmo todos os días. Fóra diso, non teño grandes ambicións co cal podo permitirme perder o tempo con moitas argalladas a “fondo perdido”. A miña conclusión final é que a maior parte desas argalladas produciron beneficios, moitas veces non agardados, que serviron para complementar pequenos vicios non contemplados na subsistencia básica. Traballar gratis non fai rico a ninguén, pero é bastantne satisfactorio.
Non son quen para dar consellos, pero gústame compartir experiencias e ofrecer suxestións. Estou seguro que esta é unha páxina máis… e agardo impaciente para ler as seguintes!
Apertas!
Haberá máis páxinas! De momento teño a sorte de poder escribilas eu :)
Un “mercenario do boli” non é un escravo da pluma
Grazas polos consellos da tua experiencia, Sorte!