E, sen embargo, resístome a que este espazo forme parte desas cápsulas no tempo que resultan sendo todos eses espazos dixitais que creamos ao longo do tempo. O espazo en Fotolog, ese blog en “la coctelera”, aquel primeiro blog en Blogaliza… foron deixando paso a outros espazos máis lixeiros, e máis rápidos, onde deixar cometarios: meneame, chuza, os perfís de Facebook…

Todas e cada unha desas plataformas son (as que resisten) pequenas capsulas no tempo que encerran unha pequena parte de nós, filla da nosa idade, do internet que nos tocou vivir e do que pensabamos sobre o mundo, sobre a vida, no seu momento.

Tampouco nos preocupa que ninguén as vexa, entre toda a broza que hai en internet, hai moito que escarvar para chegar a eses anacos de nós (canto máis se é outra persoa!).

Conservo con mimo os diarios que escribía cando era mozo, posuído polo impulso de gardar/contar segredos, anacos de min que agora ata me dan vergoña, pero polo menos sei que so os podo ver eu, que ninguén máis poderá chegar a eles. En certa medida, é coma a internet de hoxe en día, tan solitaria como global, tan distante como hiperconectada.

En certa medida, ese impulso que me posuía hai case tres décadas é o mesmo que me proe na caluga mentras escribo estas palabras, mentres me resisto a dar por morto este espazo. Dende logo, non terá a periodicidade semanal que me gustaría, pero xa me conformo con que, algún domingo cada certo tempo, teñas este boletín no teu correo.

Novidades dende a última vez, moitas. Pero tamén che digo, o único motivo polo que paso por aquí é por se isto che resulta de interese

18 xullo 2023 19:00

AI Talks: GLG Edition #1 IA Xerativa no sector universitario e de investigación

Unha data moi sinalada para falar do que veño falando, escribindo, ensinando e traballando nos últimos meses, un dos motivos polos que non ando demasiado por aquí. Falaremos de chatbots, dos seus usos, dos seus malos usos… na Universidade. E tamén para fóra da universidade, porque creo que esta é unha tecnoloxía disruptiva que está a cambiar moitos dos nosos fluxos de traballo.

Nada máis, se che apetece falarmos o martes 18, xa sabes onte atoparme.

Que teñas un feliz domingo