Así comezarían as Catilinarias se Cicerón formase parte do status quo actual do sector tecnolóxico.
Ata cando abusarás, Elon Musk, da nosa paciencia?
A insignia de verificación de Twitter pasou, en cuestión de semanas, de ser unha ferramenta de credibilidade a converterse nun símbolo de podredume e odio, non so percibido, senón escupido.
Na súa teima por monetizar (canto antes) a ferramenta, Musk quere que os usuarios se subscriban a Twitter Blue, unha opción de pago que non inclúe nada útil que permite que teñas unha insignia azul de usuario verificado.
Ademais, foi retirando os checks azuis naturais (os que integrou na última década) e se as persoas que o teñen queren mantelo, deben pagar pola suscrición. E ninguén está claudicando, claro.
Está a meter tamén bastante a zoca, porque a RTVE púxolle a etiqueta de “medio financiado polo goberno” equiparando a RT ou similares. Xa rectificou, vaia, pero a metedura de pata seguirá aí.
O problema da verificación azul é que, se pagas, o teu tuit ten máis visibilidade. Fai a proba: entra no perfil de Twitter do presidente do Goberno de España e mira cales son as primeiras respostas que aparecen a cada un dos seus tuits. Ves como todos teñen check azul? E a que non aporta absolutamente nada de valor ese contido?
Se pagas, tes visibilidade. Elon musk púxolle prezo ao discurso de odio: 8 euros ao mes. Poño a man no lume a que moitísimas das contas de Twitter Blue están en mans dos cachorros dos partidos políticos e nas sedes de ditos partidos.
Son consciente de que as redes son espazos de tránsito. Ninguén bota de menos o chatIRC (onde, para min, todo comezou), nin o Messenger (e os seus zumbidos). Ninguén se acorda de que Fotolog foi a nai de Instagram e ninguén se acordará de Twitter nuns anos. Pero dóeme este triste final para este espazo. A fin de contas, se podo dicir que sou doutor (dos de verdade) é, en boa medida, grazas a esta rede.
Feliz día da nai. Abrázaa, se podes; dalle un beixo. Chámaa (agora) por teléfono. E se non podes, lémbraa con cariño.
Feliz luns