Se o vídeo matou á estrela da radio, as intelixencias artificiais están a matar ás videoestrelas.

Unha evolución que me preocupa dende o punto de vista da formación é a vinculada coa edición e montaxe de vídeo. Xa durante a pandemia flipei coas montaxes fotográficas que facía o meu teléfono: seleccionaba automaticamente fotografías que despois montaba cun efecto Ken-Burns-marca-rexistrada e unha proposta musical que acompañaba esas lembranzas.

Actualmente hai unha corrente ligada á implementación de intelixencias artificiais realmente interesante, e preocupante (para min).

Por un lado temos un feixe de ferramentas que utilizan avatares dixitais aos que simplemente hai que introducir o texto para que “falen”diante dunha cámara. Existen varias ferramentas de xeración de vídeo sintético con avatares, as cales permiten crear vídeos personalizados sen necesidade de ter unha persoa real presente. Algúns exemplos de ferramentas populares son Synthesia, Elai ou Colossyan.

Doutra banda, hai outras ferramentas que implementaron “chatgepetés” para a creación semiautomatizada de vídeos. Aquí entran ferramentas como Pictory.ai, que permite cousas tan “máxicas” como introducir unha url dun artigo dun blog e a xeración automática dun vídeo, ou a xeración do propio vídeo escribindo o guión do mesmo nunha pantalla.

É certo que son propostas sinxelas, pero que fan en cuestión de segundos algo que ás persoas máis adestradas levaríalles horas.

O que me asusta é, precisamente, o campo formativo do que fago parte. O meu móbil e estas ferramentas que citei son mellores editores e montadores que calquera dos meus alumnos e alumnas. Algo terán que facer para diferenciarse e aportar valor con respecto a esta evolución tecnolóxica.

Doutro lado, preocúpame o ego das “persoas creativas” que asisten pasmadas a esta realidade (que, insisto, debemos abrazas canto antes, non de xeito efusivo, pero si con rapidez e espírito crítico).

E preocúpame a capacidade que debemos ter, dende a docencia, para adaptarnos a este cambio. Co paso dos días asento ese pensamento que tiven hai uns meses: trátase dun salto cualitativo (e máis rápido) ao nivel da implementación da internet/correo electrónico ou smartphone.

Nada máis. Feliz domingo. Esta semana non hai aplicacións que recomendar, salvo que probes algunha das que falei arriba.

Ah, e para a semana non haberá boletín. Como intelixencia natural (que non mellor cá artificial) exerzo o meu dereito á desconexión. Dereito que levo bastante mellor do que me imaxinaba a estas alturas da película.

Sé feliz. Ou polo menos, inténtao.