Falemos do elefante na habitación. Un debate necesario cando estamos a introducir ferramentas de creación de contido sintético na sala. Ata agora os ríos de tinta (sintéticos e orgánicos) están a fiarse sobre o futuro dos traballos creativos e os riscos de desaparición. Sen ser catastrofista nin negacionista, isto é unha sorte de movemento ludida, neoludita ou postludita.

Creo que estas ferramentas chegaron nun momento histórico moi, moi bo. Viñeron despois dunha pandemia que forzou un cambio imparable como foi o traballo en remoto. Con traballadores e traballadoras en pé de guerra en todo o mundo alzándose por poder facer o traballo sen estar anclado a un escritorio nunha oficina no centro dunha cidade.

Debaixo deste movemento de liberalización do traballo (cóllase con pinzas esta afirmación) subxace -entre outras- unha idea de fondo: unha mellor optimización do tempo do que dispoñemos. Moitas das razóns que se esgrimen para dicir non/diminuir o traballo presencial están: o gasto en comidas fóra da casa, o transporte e, sobre todo, o tempo que se perde “in itinere”.

Moitas persoas están a ver como os días volven a ter 24h, e non 22 ou 21 (restando os tempos de transporte), están a redistribuír o tempo – como se redistribúe a riqueza – de forma eficiente.

É unha conquista aínda por gañar. Nin todo o mundo pode traballar en remoto, nin todas as empresas e institucións están pola labor do traballo en remoto. Cambiar estes hábitos leva tempo, pero o confinameto e postconfinamento dende marzo de 2020 fixo moito por este movemento que antes so practicaban os nómadas dixitais.

an employee refuses to work with a computer chained to his legs, in office open window, realistic, ©Diffusion Bee

Ao longo destes dous últimos anos, pero sobre todo dos últimos meses, estamos a ver un desembarco de tecnoloxías de creación de contido sintético: vídeo, imaxe, texto… nunha democratización tecnolóxica que, se me permitides aventurarme, so é comparable á masificación de internet inicial ou xeralización do correo electrónico.

Este desembarco é so o comezo: abraiado aínda polo anuncio de Microsoft e a súa integración na súa suite ofimática (o meu soño feito realidade!!!) e as probas de Google co seu chatbot Bard (que aínda non puiden probar), si teño claro que o novo inicio do curso en setembro de 2023 será de plena integración sintética destas ferramentas.

Comezan xa a aparecer os primeiros estudos relativos á produtividade, cifrando nun 35% a mellora da mesma. Mesmo se fala das cualidades igualadoras desta tecnoloxía (os mediocres fan mellores traballos; as intelixencias artificiais (IAs) axudan máis a quen menos sabe), así que hai un debate no que quero facer fincapé:

Debemos producir máis con estas IAs ou debemos producir o mesmo e reducir as horas de traballo?

Non é unha cuestión menor. Nalgúns países e sectores estase a ensaiar a semana de catro días, mesmo a redución de horas laborais semanais.

E chega agora unha tecnoloxía que permite facer o mesmo, ás veces ata mellor, en menos tempo.

Dende o lado empresarial estou ABSOLUTAMENTE SEGURO de que haberá empresas que pretendan substituír traballadores por esta tecnoloxía (menudo erro, tamén vos digo, pero quedará esta análise para outro día).

Pero… e polo bando dos traballadores? Como debemos afrontar este novo paradigma no noso día a día laboral? Debemos facer máis cousas? Debemos facer o mesmo en menos tempo?

Aquí me mollo para dar a miña opinión (vantaxes dun boletín UNIdireccional): o crecemento infinito baseado en recursos finitos non é sostible. Como non é sostible o estilo de vida que levamos (incluíndome en primeira persoa). Se algo me permite facer mellor o que fago no día a día, de forma máis eficiente e ordenada, eu non preciso facer máis. Eu quero redistribuír o tempo doutra forma.

Se redactar un correo con estas ferramentas me aforra a metade de tempo, esa metade de tempo quéroa para min, non para facer máis cousas nese mesmo tempo.

Aquí hai moitas cuestións que debemos abordar, como o concepto de semana laboral, o propio concepto do traballo ou as responsabilidades e autorías do propio traballo realizado. Mesmo outras cuestións haberá que non me están a pasar pola cabeza agora mesmo, pero que xurdirán a medida que se popularicen estas tecnoloxías.

E a ti que che parece? Metiches algunha destas ferramentas no teu día a día de traballo?

Ata aquí a turra, que xa tes que ter a cabeza quente. Velaquí algúns recursos, aplicacións e demais que vin esta semana.

https://poe.com é o meu asistente de creación de texto sintético favorito. Pero de longo. Inclúe ChatGPT (de OpenAI) e Claude (de Anthropic, rival de OpenAI) e, na versión de pago, tes un acceso limitado pero moi funcional a GTP4 e o novo asistente de Anthropic. Detrás desta aplicación está a xente de Quora, un servizo que uso pouco pero respecto bastante. Algunhas das características polas que no último mes conquistou o meu ordenador son:

Gústame moito o feito de poder borrar os contextos cun botón, sen ter que escribir unha petición

Despois de cada resposta ofrece outras preguntas relacionadas para que sigas explorando, se queres

Ten versión para móbil. E versión web. E coa túa conta saltas dun a outro e mantéñense as conversas

As persoas que teñen conta en POE poden compartir as súas conversas ou tips, nunha sorte de microblogging. Aquí un exemplo dun enxeñeiro de peticións que ofrece as mellores fórmulas para preguntarlle a un asistente de texto sintético

Ata aquí. Feliz Domingo.