Teño sentimentos moi encontrados co uso académico-investigador das IAs xenerativas ou xeradores de texto sintético. Son tan útiles como inútiles. Quero dicir, quitan traballo de enriba, si, pero métenche cada gol como te despistes…
Esta semana puiden probar e comparar diferentes motores e versións. Ao xa coñecido ChatGPT (davinci ou gpt3.5) sumeille GPT4 (o puro, non a castaña que integrou Bing) e o chatbot de Anthropic.
A sensación é que se non tes nin idea do tema os tres son iguais de alucinantes. E se tes algo de idea do tema, GPT4 está por riba da competencia. E se dominas bastante o tema, GPT4 invéntase moitas cousas.
Especialmente grave me parece a xeración de citacións académicas, onde o mellor dos motores non foi capaz de resolver ben máis aló do 10% das citas que lle pedín.
teenage boys and girls in a school class learning how to write and the teacher is a robot , Aerial View, Synthwave ©Stable Diffusion
¿A miña conclusión? Aínda lle queda moito camiño… salvo que Elsevier ou a outras socias saquen da manga o que os académicos pedimos: unha IA entrenada estritamente co corpus de artigos académicos. Tamén vos digo unha cousa. Coñecendo ás amigas editoriais, ese “ChatAcademy” custaría 30€/inxección de promtp (pregunta)… como mínimo.
Levo varias semanas trasteando con estas ferramentas, tomando as miñas notiñas, buscándolle os tres pes ao GtpATO e xa teño algunhas rutinas e fluxos de traballo que son útiles e outros que non tanto. De feito, estaba pensando en empaquetar estes coñecementos e poñelos á venda (que as apps que merco non se pagan soas!)
Tamén che resumo en qué consistiría o quid da cuestión:
Pregúntalle en inglés, sabe máis cousas
Preguntas ben fiadas, aínda que longas, perde tempo en construílas
Proba diferentes enfoques
Con respecto a integracións en diferentes plataformas a que máis ansío é a que ten que ver coas follas de cálculo. Probei un modelo moi interesante de HuggingFace para facer medición de sentimento dende Excel, pero o que eu quero é entrenar eu o modelo, non que o modelo de OpenAI me diga se algo é positivo ou negativo. Ata agora so vin algo medianamente aceptable (pero caro) en https://numerous.ai
Sae máis a conta aprender python.
Algunhas cousas interesantes que vin esta semana:
Un xerador de fórmulas de excel a partir de “prompts”. Iso é o que promete formula.dog (que podedes probar de balde aquí). Ollo que so funciona en Inglés. A min non me funcionou ben de todo, pero é que pedía cousas algo complexas como extraer hashtags ou facer medicións de sentimento. Para un usuario estándar supoño que está ben.
Video2AI promete un chatbot entrenado cun vídeo de youtube. Méteslle a URL e despois podes facerlle preguntas en relación ao contido dese vídeo. A verdade, para fins docentes paréceme super interesante.
ChatPDF é un servizo web que fai algo moi semellante ao que eu quero para “lo academia”: sobes o teu PDF e podes facerlle preguntas. É interesante. Se tivese capacidade para subir uns mil PDF xa era feliz.
Ata aquí. Feliz domingo. Decatácheste do ben que cheira? Si, a primavera. Cheira a primavera.