A última vez que publiquei en Instagram foi en outubro de 2021. Algúns de vós xa o sabedes porque estiven a laiarme por aí, mesmo facendo o “chascarrillo” porque “onde vai o coordinador do Mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais sen ter conta en Instagram”.

Tentei hai máis dun ano recuperar a conta, bloqueada por non ter as claves de seguridade (autenticación de dous factores), pero parece que enviar unha foto miña – tal como pedían – e os selfies que había no meu perfil non era suficiente.

Tampouco foi suficiente indicar que as miñas contas de instagram e facebook están conectadas entre si.

Así que agora que ando un pouco máis liberado para pensar decidín enfocar o tema dende outra perpectiva: a proteccion de datos.

(a man is frustrated and yells to a computer because is angry with Instagram, © Stable Diffusion)

RGPD e AEPD

O regulamento que coida da nosa presenza online e offline é o Reglamento General de Protección Datos, unha transposición dunha directiva europea que se fixo a trancas e barrancas, mal e tarde en 2018, pero que contén un pequeno risco do que colgarme para solicitar a devolución da miña conta de Instagram.

O dereito de acceso no RGPD defínese como o dereito que teñen os cidadáns a ser informados polos responsables do tratamento se están tratando información persoal que lles incumbe e, en caso afirmativo, cales son eses datos e como están sendo tratados.

Ademais do dereito de acceso, están o dereito de rectificación e supresión, en conxunto, o que quero esgrimir para que me devolvan a conta de Instagram.

En España, o organismo que vela polo cumprimento do regulamento é a Axencia Española de Protección de Datos, e resulta posible (e fácil) poñer unha reclamación ás plataformas de xestión de medios sociais. Tan so hai que entrar na súa sede electrónica e seguir os pasos a través de: “reclamación ordinaria > publicación de datos en internet > Datos en redes sociales, plataformas de video, blogs o foros” e facer as alegacións pertinentes. Con certificado dixital é sumamente sinxelo e rápido.

Así que xa vos contarei. Solicitei que anularan a verificación de dous factores para poder acceder aos meus datos de forma normal. Agardo nuns meses poder contar o desenlace deste infeliz incidente. Xa non se vai chorar so a Cangas, tamén á AEPD.

Algunhas apps que descubrín estes días

Hidock é unha aplicación para mac que fai algo que levo anos pedindo… poder colocar a barra de aplicacións no lugar que eu queira en función da miña configuración de pantallas: se estou so co portátil, pon a barra nesta posición (á esquerda). Se estou cun monitor externo pon a barra nestoutra posición (abaixo).

Queryable fai algo que quero para as miñas movidas de investigación. É unha app para iphone (2,5€) que escanea toda a biblioteca e permite procuras de fotos textuais (en inglés). Buscas “fish” e saen todas as fotos con peixes que tes na librería de fotos. O indexado das miñas 16.000 fotos fíxoo en 2 minutos, e funciona francamente ben.

Notion xa me deu acceso á beta do seu asistente virtual. Un xerador de texto sintético (intúo que baseado en Davinci-003 de OpenAI) que permite inserir textos de múltiples formas. Estou explorando cousiñas máis creativas, e comecei por pedirlle contos infantís para os meus nenos. Ale e Anxo pídenme contos de dous personaxes aos que lle teñen moito cariño e estou planteando seriamente reunir “as súas memorias” nalgún tipo de documento que perdure. Polo menos que perdure as horas nocturnas, porque cada día piden un conto novo!

Estou reorganizando a forma na que gardo información de internet. A verdade é que é algo que me custa moito, non teño ningún tipo de orde nin marco estrutural para gardar as cousas, así que merquei a aplicación GoodLinks para ver se me organizo. Levo so un par de semanas, pero tampouco estou notando unha gran melloría. Supoño que porque son un desastriño.

E ata aquí. Feliz Domingo de Entroido. Disfrázate, sae á rúa. Baila ao son dunha charanga. Divírtete e rite de ti mesma/o.