Reflexión simple, pero atinada. E o paso do tempo dame a razón unha e outra vez. A democractización da tecnoloxía non ten volta atrás, pero tamén a fai máis complexa.

O movemento “no code”, ese cuxa premisa é a de “e se puideras crear software sen ter coñecementos de programación” non so está vivo, senón que goza de moi boa saúde. Ao redor deste movemento hai un ecosistema de ferramentas, creadores e creadoras de contido que convén observar de cerca, porque xa son o presente da edición de contidos actual.

Hoxe en día calquera é capaz de facer unha web con WordPress ou Wix, calquera pode crear unha aplicación con Softr ou Bubble, e cun mínimo de esforzo é posible crear bots que automatizan contido en redes sociais ou ferramentas de mensaxería instantánea.

Para o gran público esto é suficiente, pero para unha minoría ávida de coñecemento non é así: quere saber máis, quere personalizar ou customizar aínda máis o que se lle ofrece “de balde” sen saber programar, e aí chega a barreira.

GitHub é un repositorio enorme de cousas fascinantes pero, a pouco que unha persoa sen coñecementos técnicos queira profundizar, atopa carencias e lagoas difíciles de salvar.

“Que é un terminal?” é unha pregunta habitual entre alumnado de grado e mestrado nas ciencias sociais. “que é Docker?”, “unha máquina virtual?” e, xa, a principal barreira “non sei como se instala isto de GitHub, que son comandos”.

E descobres as linguaxes de programación, a aproximación humano-maquina mediante CLI, descobres que sen PYTHON non podes facer nada.

Creo que o seguinte paso é a democratización na aprendizaxe e autoaprendizaxe de linguaxes de programación. Hai esforzos interesantes neste sentido, pero non son suficientes.

É IMPRESCINDIBLE que a os fundamentos da programación formen parte do currículum visible do alumnado de primaria e secundaria. Coma unha lingua máis. Creo, e opino “forte”, que todos deberíamos manexar cinco linguas con certa soltura: a nosa lingua materna, unha lingua estranxeira, as matemáticas, a música e a programación.

Como conseguilo? Para isto non teño respostas. Pero un primeiro paso é formular as preguntas axeitadas.

E basta xa de reflexión. É o momento de falar dalgunhas cousiñas interesantes que vin esta semana:

Gooly for Kids! É un buscador que fai uso da tecnoloxía detrás de ChatGPT para ofrecer resultados a preguntas que nos poden faver os cativos na casa.

(encántame a ventá de espera!)

“como se fan as nubes?”, “por que voan as bolboretas?”, as preguntas ás que moitas veces nos enfrontamos sen saber como orientar unha resposta… pois agora a tecnoloxía está da nosa man :) Hai unha característica que me gusta moito: despois da resposta suxíreche varias preguntas relacionadas coa consulta en marcha, que poden complementar a curiosidade que xera a propia resposta. Un traballo moi chulo de Daniel Atik.

https://www.ordinarypeopleprompts.com/ é un servizo web que se mofa moito do que considero unha patochada vendefumos, o “prompt engineering” ou “como ordenarlle a unha IA mediante unha cadea de texto o resultado que nos queremos que devolva”. Como profesión paréceme un bluf de carai, pero esta semana o TOP de vendefumos viña forte, porque na radio escoitei unha entrevista a un “entrenador digital” que lle explicaba a persoas maiores como empregar o whatsapp (moi loable, eh, pero para autodefinirte así, algo máis terás que ofrecer).

Con esta web ves cómo outros usuarios piden as cousas, por exemplo, a ChatGPT.

Temos nova versión de Transmission, a 4.0. Para min, o mellor software de descarga de torrents. Aínda que cada vez precise menos deste tipo de tecnoloxías.

https://musicforprogramming.net/latest/ Non sei moi ben como definir este servizo web… Un reproductor musical feito por programadores? Música para programadores? A interfaz tenme cautivado, a verdade. E algunhas das pezas, tamén (como a primeira)

Nada máis. Grazas por facerme un oco no teu trebello este domingo. Disfruta do día, porque o mereces!