Esta semana cúmprese un ano dende que tomei clases de música por primeira vez na miña vida.
A ver, algo de mentira hai, durante unha breve tempada na que volvín a casa de meus pais, vai xa para 15 anos, asistín a unhas moi introdutorias clases de gaita frauta.
Pero isto é diferente. Acudín a Estudo Bonobo despois de rematar o mestrado que cursei, substituíndo a analítica e xestión de medios sociais por outra linguaxe diferente. Tiña a excelente referencia do meu fillo máis vello e unha guitarra eléctrica morta de risa na casa (alí sigue).
E sabedes que pasou? Que coñecín a Andrés; sentoume nun piano (primeiriña vez na miña vida) e sentín a atracción que sinten dous polos opostos entre imáns. Fascíname a capacidade de poder aporrear unha tecla e que sone a nota que ti queres.
Levo un ano e as miñas mans aínda non son independentes. Tampouco teño presa. Estou a disfrutar do camiño. Insisto: pensade que a miña idea de música era cero. Non sabía o que era un pentagrama, non sabía o valor de cada nota, non tiña nin idea de ritmo… do piano sabía que había teclas brancas e negras, pero non sabía ubicar a escala no mesmo. Así que cada día é unha aventura de aprendizaxe.
Pero como este boletín vai sobre tecnoloxía, aquí van algúns recursos para iniciarse no mundo da música e as aplicacións para aprender (se queres).
Musescore, para buscar partituras. Un mundo! O que me gusta desta aplicación é que non so descargo a partitura, senón que podo ver as notas no teclado (o de ler as partituras cústame bastante, son máis de oído).
Chordana Play. Ten mala fama, seino, pero é unha aplicación DE BALDE para aprender a tocar o piano. A min nin tan mal, oes. O certo é que hai un mercado moi saturado de apps para aprender a tocar instumentos: flowkey, musician, simply piano… todas seguen mecánicas moi similares, e todas teñen un plan de pago despois de sete días. A aplicación de Casio é gratuíta, podes subirlle os teus arquivos en formato midi e traga con todo.
Click Metronome para poder er un metrónomo háptico ou sonoro no smartwatch. Porque metrónomo fai falla si ou si. Podes telo no teclado, ou no teléfono, que hai moitas apps, pero esta en concreto paréceme útil porque non molesta co tac-tac e resulta discreta.
E para os que vos interesa CERO o de aprender música, pero queredes crear recursos dixitais, pois aquí un xerador de música sintética:
Beatoven é un servizo en liña que crea música libre dereitos para os teus proxectos musicais. Escolles estilo (pop, electrónica, rock…) e o carácter que lle queres imprimir á música (triste, alegre, motivacional, melancólica…) e xera unha pista de son para ti. Non esperedes unha gran composición musical, pero si que cumpre sobradamente espectativas para, por exemplo, meter como música de ambiente nun podcast ou en proxectos de pequena envergadura.
De regalo – igual é un calvario, podes non reproducir o arquivo – aquí vos deixo unha das cancións que aprendín.
É do videoxogo “The legend of Zelda – Ocarina of Time” (1996) a “canción das tormentas” ou a canción do muiño. É un tema curioso do que podo falar máis, xa que implica viaxes no tempo do protagonista é resulta que a canción ensínaia a si mesmo, nunha paradoxa temporal máis que evidente.
O caso é que esta foi unha das dúas cancións de apertura do meu noso baile nupcial.
É curioso… con quince anos aprendín inglés con este videoxogo (non estaba traducido), e agora con case corenta estou a aprender música.
Bach. Un crack. E a primeira partitura complexa que aprendín. Porque Agora con case corenta estou aprendendo unha nova lingua. Estou aprendendo música.
Preludio en Do maior – Johan Sebastian Bach