Hoxe vouvos a contar unha historia. Dixital. Porque seguro que ti tamén compartes esta mesma frustración.
Procedementos administrativos que non sabes por onde comezar. Atencións telefónicas que non collen o teléfono. Formularios de contacto que van directos a un cubo do lixo. Oficinas ás que so podes acudir presencialmente pero sen cita previa.
Continúo? Porque podería ser peor.
Podería ser… noutro país diferente ao teu.
Imaxe: person using electronic administration services, the landscape is Portugal, © StableBee
Veña, Xabi, comeza xa dunha vez!
Recentemente tiven que obter un NIF portugués. Agora mesmo é preciso para vivir, traballar, estudar ou mesmo invertir cartos en Portugal. Non é unha cuestión menor. Xa non so é preciso este NIF para ir a facer unha estadía de investigación (coma sempre, falando do meu pan), senón que para abrir unha conta bancaria, alugar unha casa, pagar impostos, asinar un contrato de traballo… para iso hai que ter un NIF.
Se buscas en Google hai gabinetes que che poden facer ese trámite por ti (so o podes facer presencial), pero cobran unha pasta gansa. Se coñeces a alguén en Portugal que che faga o favor, perfecto. Senón… toca ir a lidiar coa Administración portuguesa.
Pero non ias a falar de cousas dixitais?
Si, si, a iso ía! Se hai que lidiar coa Administración, preciso saber ONDE e COMO. E a primeira cousa clara é que se viaxas ata unha Loja do Cidadão podes facelo presentando o teu DNI e un documento de xustificación de residencia válido (coma un padrón). Pero… despois da que caeu coa Covid… non se podería facer isto de xeito dixital? Si, si que se puido facer. E todo leva a un portal chamado e-balcão.
Dixeches que era a e-administración que querías. Ata agora todo é moi “o de sempre”
Pois si. Tentei un atendimento virtual, pero so é posible se tes certificado dixital portugués (e como o obteño se non teño NIF, que é o que quería???), así que comezamos coa vella usanza: email de contacto. Ese mail de contacto devolve unha autorresposta. Xa non se podía facer en liña, so en persoa, e recomendaba axendar unha cita (Atendimento por Marcação).
A cuestión é que non había forma de pedir unha cita previa sen certificado dixital, así que probei algo que NUNCA vira nunha Administración pública: un chatbot de axuda. Logo das primeiras preguntas o bot enseguida me pasou cunha persoa real ao outro lado do chat. Pedin desculpas polo meu portugués e logo me contestou que podía empregar o tradutor incluído na ferramenta de chat.
Lamentablemente, dende a axuda en liña vía chat non se podían axendar citas, así que tocou chamar por teléfono, cunha guía relativamente clara.
Teléfono ao rescate
Non o dixen antes, pero era un venres ás 17:30h. As posibilidades de ter que esperar ao luns “tendían a infinito”, aínda que marquei o teléfono. E velaquí a miña sorpresa:
Atenden chamadas de 9:00h a 19:00h
Axendan citas unipersoais, con confirmación vía mail antes de colgar o teléfono, EN CALQUERA LOJA DO CIDADÃO DE PORTUGAL.
Axendan citas para as persoas que queiras, en tramos de 15 minutos, pero tes que facer cada persoa dunha vez.
E, feliz coma unha perdiz, o día asignado, á hora asignada, presenteime na Loja máis próxima (Valença do Minho), atendéronme sen esperas e en 15 minutos saín dalí sendo un cidadán rexistrado máis. E aproveitei para comer un estupendo bacalhau.
A moralexa desta historia
Non é moralexa, é máis ben un lembrete: vivimos de costas a Portugal. Non che gustaría que a Administración española tivese un servizo de axuda en liña verdadeiramente útil? Non che gustaría que un servizo de atención ao cidadán fose capaz de axendar citas en calquera lugar do teu país?
(por favor, se existe, sacádeme da miña ignorancia)
E non malintepretedes as miñas palabras. Non é unha cuestión de administración territorial, senón de transversalizar os servizos cidadáns máis habituais. A un cidadán extranxeiro non debe importarlle como teñamos repartido o territorio (ou si), sobre todo impórtalle que lle ofrezan solucións.
Ah, e outra lección: non hai barreira lingüística na tecnoloxía. So existen barreiras nos marcos mentais.