Pois si. Este derradeiro boletín do ano 2022 serve para reforzar o que levamos tempo dicindo por aquí. A democratización das tecnoloxías ligadas ás intelixencias artificiais é unha realidade.
Hai un par de semanas impartir unha formación orientada á docencia no que o progonismo estaría nas ferramentas no-code e onde se colou a intelixencia artificial. Non so polo feito de empregar ferramentas de xeración de texto que están en boca de todos, senón para crear vídeos automatizados a partir de texto a través de avatares parlantes.
Por certo, unha ferramenta que permite crear videos locutados EN GALEGO e non o fai nada mal. Se queredes outro día falo dela (pero tedes que pedirmo).
Creo que o propio sería inaugurar una sección que fora “cousas da IA”, igual que “mundo mac”, “academiña” ou similares, porque o certo é que cada día xorden máis novas relativas aos usos que se lles dá a estas ferramentas.
Como sucedeu ao longo da Historia, os usos dunha tecnoloxía defínenos as persoas que a empregan. Do mesmo xeito que Nobel tiña outra idea na cabeza para a dinamita, ou (probablemente, permitídeme especular) o creador do primeiro coitelo non o fixo para asasinar a outro individuo, as empresas que hai detrás destas tecnoloxías teñen pensado algúns usos que despois se ven redefinidos pola súa comunidade.
Hai quen emprega estas ferramentas para que conteste os tuits de forma máis ou menos automatizada. Funciona como extensión para Chrome e permite xerar respostas a un tuit escollendo parámetro de “sentimento” co que queremos respostar. Isto para xestión de marcas é xenial, porque moitas das respostas tipo que recibimos son xenéricas.
Tamén se lles poden pedir fórmulas de excel. Sempre defendín que o paso natural de Excel (unha ferramenta que necesitamos coñecer si ou si) era a posibilidade de incluír as fórmulas a través de comandos de voz. Chegará, estou seguro, pero de momento xa temos a asistencia de ChatGPT para xerarnos as fórmulas precisas. Aquí xa o probaron con cousiñas relativamente sinxelas e funciona ben.
Mesmo lle podes pedir unha presentación de diapositivas. E con isto, baixo a persiana e como docente “entrego a cuchara” que din os andaluces.
Pero non todo no monte é ourego… estas ferramentas tamén se poden empregar do lado do mal. Xa houbo quen empregou esta ferramenta para lanzar un ataque informático, xerándolle todo o necesario para un mail de suplantación de identidade ou unha macro de excel.
2022 foi un ano clave para a democratización deste tipo de tecnoloxías. Agardo con ansia o 2023.
E todo isto é o punto de partida.
Ah, se non o escoitaches, vaia especial WITIP falando sobre o que foi o ano 2023. Si, si, 2023. Unha tertulia ucrónica en toda regra! De aquí ao premio Nébula!