Que? Xa non lembrabas que estabas suscrito/a a este boletín, eh? Xa choveu (literalmente) dende a última publicación.

No persoal, pasaron algunhas cousas. Saín no BOE. Todo ben. Así que toca volver a retomar algunhas cousas que me gustan e tiña un pouco esquecidas. Entre elas, este boletín.

Thanks for reading A newsletter de Xabier Rolán! Subscribe for free to receive new posts and support my work.

As intelixencias artificiais van a mandarnos á rúa!

Esta últimas semanas unha das protagonistas do universo mediático mundial foi… unha intelixencia artificial. Ben, non unha IA, senón unha aplicación que abriron ao público e que está a xerar un volume considerable de opinións en redes e en medios de comunicación.

ChatGPT converteuse, por dereito, na ferramenta que ofrece respostas e, sobre todo, formula preguntas. Entre elas, unha recorrente… ¿E que vai pasar…

…co meu posto de traballo?

Pois o que pasou ao longo dos séculos coas iteracións tecnolóxicas. Os postos menos cualificados poden desaparecer. Os cualificados sufrirán cambios.

Tan catastrófico será abrazar estas tecnoloxías dende a óptica do que nos salvará o mundo como renegar delas pensando que o seu rexeitamento provocará o seu declive.

…co software antiplaxio?

Esta semana tiven clase de deseño web e empregamos unha aplicación de intelixencia artificial para xerar automaticamente os textos dunha web. O alumnado non so quedou abraiado (esperable) senón que unha das súas primeiras preguntas foi qué sucedía con Turnitin (o sistema de control de plaxio que empregamos na Uvigo). Esa non a vin vir, a verdade.

Entendo que Turnitin non sexa capaz de detectar plaxio (non o é), e teremos que mirar con calma onde os textos están ben redactados e onde se colaron os parágrafos nunha sorte de cirurxía literaria.

Dende logo, o que si creo é que na educación os traballos de formato “ensaio” ou “traballos teóricos” teñen os días contados. Outro motivo máis para a avaliación por competencias e non por contidos, ao meu parecer.

Sobre este tema quero falar con Amador no noso podcast (por certo, xa levamos un par de capitulos chusquiños)

Reflexión non tecnolóxica, pero importante

Esta semana publicáronse os datos sobre o uso de transporte en España. So hai tres cidades nas que o uso de transporte público é superior ao privado: Madrid, Bilbao e Barcelona. Non se podía saber que a máis transporte público, menos uso do coche particular…

O 63% da poboación emprega un medio de transporte particular para desprazarse ao traballo/centro de estudos. O 16% emprega transporte público e outro tanto vai andando ao traballo.

Polo que respecta ao meu grupo etario, a franxa de 30 a 49 anos, o volume de persoas que van andando ao traballo é do 11%, a franxa máis baixa, onde, como non, o uso de vehículo privado é do 71%.

Poderíamos especular moito sobre este aspecto, esa working class adulxoven que ten familia, que non traballa no mesmo municipio, que non ten transporte público sinxelo…

Síntome afortunado por poder vivir na mesma cidade na que traballo (algo que non podo compartir con todos os membros da miña familia) e de poder ir andando ao traballo. Por saúde, sobre todo. Porque me axuda a pechar os círculos de actividade (gamificación deportiva), porque é beneficioso para o medio ambiente e axuda a que a miña pegada de carbono sexa menos mala… (outro tema que quero abordar no podcast!)

Pontevedra é unha cidade que invita a iso, pero non sempre é sinxelo abandonar a comodidade das catro rodas pola “tracción animal”.

E ata aquí, que tampouco quería asoballar neste domingo.

Feliz Nadal.

Thanks for reading A newsletter de Xabier Rolán! Subscribe for free to receive new posts and support my work.