Antes de comezar, uns minutos musicais cunha das descobertas dos últimos meses: Prince Rama. Disto que sona ben, escoitas máis, pos de fondo algún concerto no youtube e cando te interesas a fondo polo grupo, descobres que xa se disolveu. Ai, a vida líquida posmoderna!
Vamos ao gran!
Esta semana regresou o podcast. Amador e máis eu falamos da volta ao cole. Cuñadismo tecnolóxico a tope
Ikea integra os cargadores sen fíos nas súas mesas. A idea é xenial, e dío alguén que ten dous cargadores sen fíos de Ikea. Creo que por 5€/unidade, o que ofrece é imbatible.
Esta semana souben no tinglado de #astroturfing que hai montado no mundo das VPN, onde empresas que reseñan estes servizos… forman parte dos conglomerados empresariais que ofrecen os servizos. Cóntao de primeira man outra empresa do sector, WindScribe.
E falando de astroturfing, aínda que neste caso é gubernamental… cada vez hai máis gobernos que restrinxen internet para tratar de influír nos seus cidadáns. Se lle contan isto a Tim Berners Lee aló polo 1990, non o cre. No canto de ir a mellor, temos un internet máis rápido, pero máis dirixido. Reflexiono moito sobre este artigo de opinión de Moisés Naim e cada vez vexo máis claros estes tres modelos de internet que formula.
Imprescindible reflexión sobre o estado da web de Gordon Brander. Ao marxe do que permitan ou non os gobernos.
Academiña
O estudo de consumo de novas de Pew Research indica que comezamos a consumir menos novas a través de redes sociais. Algo de luz no túnel.
Cousas da publicidade
A compraventa de reseñas en Amazon é un tema que trae cola. Teño unha experiencia moi directa sobre este tema que algún día abordarei no blog, pero de momento, ademáis de Aukey e Mpow, xa hai máis de 600 marcas ás que lle chapodaron a presenza no xigante do ecommerce.
Facebook xa recoñece que os cambios de Apple no tocante á privacidade (pedir ás apps que non rastrexen, entre outras cousas) xa afecta ao seu negocio.
Mundo Apple
iOs 15, ipadOs 15, TVos 15 e iWatchOs 8 xa están entre nós. Custoume máis escribir os nomes (e poden estar mal) dos sistemas operativos ca instalar todas as actualizacións. É un ios14 mellorado (ou como debía ter sido ao principio), así que instalade sen problema. De feito, para quen tacha de elitismo a Apple, esta versión é compatible con trebellos de HAI SETE ANOS. #Retromac a tope.
Os trebellos de Apple e a eHealth investigando sobre os grandes males da saúde no século XXI: as enfemidades mentais. Se poden predicir a ansiedade e a depresión (e seica tamén o deterioro cognitivo), non me parece unha mala idea.
Caixón de-sastre
Moi fan de recrear cousas en Minecraft. E se serve para a Historia da Arte, mellor. Arriba Burgos! A ver cando se anima alguén a recrear As Burgas en Minecraft
Trala pandemia, actualización dos países máis perigosos do mundo. Non o digo eu, dío o Ministerio de Exteriores. Non busquedes a Korea do Norte, por algún motivo non se recomenda nada para ese país. Pregúntovos eu… é o mundo máis perigoso no século XXI con respecto a finais do século XX?
A nova coa que non dou crédito: o panpsiquiismo, a idea de que os obxectos inanimados teñen conciencia, gaña forza nas comunidades científicas.
E ata aquí o resumo semanal de nova. Feliz domingo, feliz semana.