…a toxicidade das redes era tanta que ata a elas sabían do fedorentas que eran…

Para min non houbo outra nova esta semana. Facebook sabía da toxicidade de instagram e de como afectaba á saúde mental das súas usuarias, sobre todo adolescentes. Contao o WSJ e aínda non rematou de contalo todo. Tamén o podes ler en castelán en El Mundo. Algúns datos:

Creo que é unha cuestión suficientemente grave, e que demostra, de novo, o grande impacto social que teñen estas plataformas na sociedade. E o pouco que lle importa a sociedade a estas compañías de datos.

Segundo Spotify, máis da metade dos españois escoita podcast. A min parécenme moitos, a última cifra que tiña era do 41% (2021) e xa me parece moito. Quero dicir, á xente do voso redor… sabe sequera que é un podcast? Eu escoito un par deles diarios, incluso, pero síntome un pouco “early adopter” (se se pode dicir eso dunha tecnoloxía con 20 anos) na miña contorna.

Que é máis rápido? Internet ou un cabalo? Pois parece que en Alemaña… o cabalo! Lembroume tanto as miñas penurias co internet en Pepín cando vivía con meus pais… e resulta que agora meus pais teñen MELLOR INTERNET NO POBO CA MIN NA CIDADE.

Enrique Dans escribiu esta semana sobre a desaparición da carteira. É un tema ao que lle teño dado moitas voltas. Dende que levo o carné de conducir no teléfono (válido para identificarse como individuo en calquera sitio) esquezo aínda máis a carteira. De feito, teñoa cun airtag, e uso varias veces á semana a funcionalidade de “buscar obxecto perdido”. Pago todo (o 90% das ocasións que teño que pagar algo) co reloxo. A carteira é o último (non derradeiro) obxecto que xubilou o smartphone.

O amigo amador (que vén de lanzar unha misteriosa newsletter) comentou que este tema da desaparición da carteira xa o adiantara Bill Gates en 1996. E ao fío de Bil Gates…

Microsoft permite eliminar os contrasinais, e autenticaríaste na túa conta cun rexistro biométrico ou códigos dun so uso (sms, por exemplo). Creo que é unha estupenda idea, que fará inservibles as filtracións de datos. Igual é un peñazo esta autenticación ao cabo dunha semana, pero, usando como uso un xestor de contrasinais para xerar e gardar as mesmas, vexo con bos ollos a súa erradicación.

(Para os e as da Academia) Esta ferramenta convirte papers en pdf a formato HTML, máis manexable e interesante para consumir artigos científicos. Ten varios modos de axuda á lectura que están moi ben. Probeino cun par de artigos de colleita propia e o resultado é moi satisfactorio (pero non perfecto).

Mundo Apple

Novos produtos no mercado. Permítemo resumircho en 0,2 segundos: broza. E agora en 8 segundos.

Pero o máis importante é a sentencia do xuizo entre Epic e Apple. Aínda que ambas partes recurrirán, podemos dicir que Apple gañou en case todo, pero no que “perdeu”, marcará un antes e un despois, xa que ese encerramento do sistema non poderá ser tan pechado no que atinxe aos pagos. Quero dicir, as apps poderán poñer un botón para facer os pagos fóra da app store.

Se Apple é lista (que o é), asumirá esta “derrota” e facilitará que os pagos sexan con ApplePay. Aínda que sen a comisión abusiva do 30%, é un método seguro. E controlado pola empresa de Cupertino.

Por fin puiden probar os procesadores M1. Todo iso que dicían del é verdade. Un salto de xigante, agora mesmo, están a outro nivel. Rendemento e batería, incribles. De verdade. Se queredes unha review máis polo miúdo e non vos satisfacen os vídeos de youtube, podo animarme a un podcast.
O peor, sen dúbida, é o sistema operativo que acompaña aos equipos. Big Sur é unha pataca. Sigo pensando que as pantallas de 13 polgadas son pequenas para traballar, o curioso é que me siga sentindo cómodo cun ipad de 11 polgadas…

Caixón de-sastre

Un estudo moi chulo sobre visualización de datos e letras de cancións (feito cunha ferramenta que me encanta, Graphext!). #Hoxendía as letras son máis negativas e tristes que hai corenta anos.

15 receitas para facer no microondas. Para vagos, que non ter tempo non significa comer mal :)

Creo que por esta semana máis nada. Quedou curtiña, seino, pero teño bastante lío e estou a ler menos do que me gustaría.

Feliz domingo!