Disfrutade do mes de agosto. Lémonos en setembro!
Ollo con esta filtración: 3.800 millóns de números de teléfono. De onde veñen? Seica dunha filtración masiva de Clubhouse. Lembro que hai seis meses, cando quixen rexistrarme nesta rede, desbotei a opción porque a súa política de privacidade estaba nunha nota de Notion (cutres!!!) e esixían un número de teléfono (para que o queren???). Que ben fixen en non seguir co rexistro.
por certo, lembra cada pouco tempo entrar en https://haveibeenpwned.com e comprobar se o teu mail ou teléfono forma parte dunha filtración de datos masiva. E se aparece, cambia o contrasinal ou borra a conta nese servizo.
Esta peza sobre o negocio da desinformación. Ollo que merece a pena. Como tentaron comprar influencers para falar mal da vacina de Pfizer. Esto tivo “toda a vida” un nome: #astroturfing (si, o tema da miña tese). Tentar crear movementos artificiais que pretenden parecer lexítimos ou naturais (grassroots, e por oposición, astroturfing). O malo é que detectalos é relativamente fácil, pero demostralos é terriblemente complexo. De feito, neste caso sóubose disto porque os influencers que se negaron a participar fixeron capturas da proposta de “traballo”, e chequeárona coas mensaxes de influencers brasileiros que si aceptaron desprestixiar a Pfizer.
Ao fío deste tema, o Goberno quere loitar contra as reseñas falsas en internet, e obrigar a explicar cómo se amosan certos resultados de búsqueda. Moi en sintonía co que busca a Unión Europea. A meu xuizo, unha guerra prácticmente imposible de gañar (ai, o meu ciberpesimismo!).
A Unión Europea pretende loitar contra a fraude (e financiación de narcotráfico, entre outros) rastrexando as operacións de criptomoedas. Seguro que pronto Isaac González fala disto na súa newsletter.
Acertada reflexión: os nosos maiores precisan conectarse a internet máis ca nunca, e moitos non saben como facelo. Non so obviamos a cuestión da educación e alfabetización en novas tecnoloxías, senón que ao desenvolver as interfaces, sempre esquecemos a aquelas persoas que NON teñen o noso nivel de destreza e bagaxe dixital. E os nosos maiores precisan de Internet. De máis internet e de mellores aplicacións e servizos para eles. Nas aulas, cando deseñamos menús anidados, pídolles que cambien o rato de man e intenten chegar aos items de terceiro nivel. Pois iso.
Se empregas Windows, aquí un titorial para crear a túa propia VPN doméstica.
A semana pasada falaba do caso de Apple e a volta ás oficinas. Agora Google e Facebook meten presa para que os empregados se vacinen e volver en outubro á “vella normalidade”. Sinceramente, non aprendemos NADA.
Por qué a cencia precisa dun sistema de recompensas e recoñecemento. Aínda que evidente, fai falla dicilo máis: “os/as investigadores/as con fillos ou roles de coidador/a loitaron máis ca outros durante a pandemia”. Eu xa me conformaba con que a Academia premiase o esforzo, e non o tempo que levas quecendo unha cadeira. Ao fío disto, “Brecha académica en la pandemia: las profesoras engordaron menos sus currículos que ellos”. Explicado para machirulos: se atendes aos nenos, non podes escribir artigos, e esquécete de estancias ou participacións en moitos congresos.
Cousas da publicidade
A publicidade dixital en España é cousa de Google e Facebook. Ata o 70% do investimento publicitario en España se canaliza arredor do buscador de Google e do ecosistema de aplicacións de Facebook (Facebook, Instagram, Messenger, Whatsapp…). Como docente destas cousas, recoñezo que case son as únicas plataformas que abordamos de forma práctica na clase, pero tamén me pregunto ata qué punto poderían ser investigadas por posición de abuso dominante, sobre todo despois do escándalo (do que seguro que non escoitastes falar) de Google e a adulteración das poxas automáticas. Ata a Comisión Europea volve a investigar a Google
Mundo Mac
Nada destacable, coleguis! A seguir cos vosos bichiños da mazá. As betas xa están máis pulidas, podedes probalas (en dispositivos móbiles, eh?)
Caixón de-sastre
O suceso que matou a 25 persoas nunha igrexa mentres se salvaban os curas, en 1902. Unha investigación na que figura o pouco coñecido (irnonía) profesor Mira. Imaxino o medo e o castigo divino no que tiveron que crer a comezos do século XX. Non coñecía esta historia.
8 de cada 10 investigacións iberoamericanas fanse en inglés. Xa non é suficiente o “publish or perish” senón que ou publicas en inglés, ou desapareces. Di o informe que so o 1% das publicacións en 2020 se fixeron en español ou portugués. Eu rétovos a que atopedes un artigo académico redactado en galego.
A persoa máis rica do mundo foi africana. Nivel de riqueza: nunha peregrinación ía repartindo ouro por todo o camiño e devaluou este metal precioso, provocando unha inflación.
Cousiñas pendentes para ver (series). Por recomendación de Amador, estou vendo “Mighty Quest”, digna herdeira de Sillicon Valley! Ah, e volveu Ted Lasso.
(Debería telo posto a semana pasada, pero quería probalo antes) O DOODLE de Google que homenaxea aos xogos olímpicos, os xogos de 8 bits e a cultura pop xaponesa é magnífico. Probádeo (se non o fixestes).
Unha escolma de aplicacións totalmente imprescindibles e pouco coñecidas (relativamente). Xa verás como a partires de hoxe empregas algunhas delas.
Esta newsletter baixa a persiana ata o vindeiro mes de setembro. Se marchas de vacacións, un derradeiro consello: como levar contigo no móbil o certificado COVID.
E se non tes nada que escoitar estes días, Amador e máis eu despedímonos ata setembro no podcast cun Wi-Tip especial edición de verán.
Feliz verán!