Que mala rima! ;-)

Para estarmos en verán, bastantes novas salientables no mundo da tecnoloxía e as cousas que me interesan!

A volta ás oficinas está a destapar unha batalla moi intensa. O caso máis sonado é o Apple. Propuxeron un 3+2 (e deses dous de teletraballo, non podían ser nin luns nin venres) e os traballadores están e pé de guerra, mesmo con dimisións. Van a retrasar esa incorporación ás oficinas a outubro, pero non ten pinta de que remate aquí a cousa. O certo é que teño lido moito sobre o tema, pero aínda non atopei ningún argumento sólido que sustente a volta ás oficinas para aqueles traballos que non requiran da presenza física, por moito que choren os #oficinistas (por oposición aos #teletraballistas). Supoño que a miña visión tamén está empañada polo sector que máis de preto me toca, como é o marketing dixital, publicidade e profesións vencelladas. Podo discutir o da docencia, pero –no sector profesional– non entendo esa lea por externalizar servizos pero ter cautivos aos traballadores propios nas cadeiras da oficina (sobre todo coa perda de tempo que supón ir a traballar en moitos casos. Aquí un que durante anos investiu máis de 2h en desprazamentos diarios).

Na contorna do meu benquerido WordPress, un template adicado a organizacións sen ánimo de lucro que ten moi boa pinta: Largo. E tamén un complemento que están desenvolvendo entre Automattic (a empresa de WordPress) e Google: Newspack. Este vídeo en acción ten moi boa pinta. PD: está feito para Gutenberg (que aínda non me chista moito)

Minería de datos para os museos. En Italia (en Boloña, para sermos exactos) están experimentando co recoñecemento facial para coñecer que obras gustan máis e menos. Tempo de observación, comportamento… todo para optimizar o volume de obras dispoñibles e crear a mellor visita para quen se achega ao museo. Tendo en conta que o volume de obras dispoñibles dos museos é n veces superior ás que amosan, paréceme estupendo este tipo de iniciativas. Para un social scoring, non, pero para isto, recoñecemento facial e minería de datos, ben :)

Por certo, de forma indirecta, pero ligado co anterior, España será a cobaia da UE para ensaiar os mecanismos que limiten o impacto social dos algoritmos. Teño ganas de ver que resulta de aquí. Francamente, paréceme esperanzador.

Pegasus, o software estrela dos reis da espionaxe en todo o mundo: os israelís. Aquí contan como funciona e que fai. Non hai ninguén libre, eh? O que máis me asusta é que non é unha cuestión de enxeñería social, xa non é que o usuario sexa o eslabón máis feble, senón que poden atacar calquera teléfono. Calquera.

E da outra beira, como escapar da censura: en Cuba, milleiros de persoas están a (re)descubrir as VPN para fuxir do control da internet por parte do Estado. Cóntao a propia Psiphon, unha das empresas veteranas neste tipo de produtos.

O 97% das webs institucionais non son seguras. Seguinte nova.

Sexo e tecnoloxía. As implicacións que poden ter as novas tecnoloxías sobre a sexualidade humana son tremendas. Este artigo fíxome replantear moitas definicións que, en principio, tiña claras: infidelidades, prácticas… merece a pena ata crear a conta en El País para poder ler o artigo.

Tamén sobre sexo… aínda que de forma indirecta: “a cara oculta de OnlyFans”, unha rede social que fomenta as suscricións e micropagamentos, e que é o instrumento perfecto para transacción económicas a cambio de contidos sexuais. Non se podía saber que os casos de acoso son o pan de cada día nesta plataforma (ironía).

As telecos non chamaran nin á hora da sesta nin durante o fin de semana. HAHAHAHAHAHAHHAA AI, QUE RISA TÍA MARISA. Estou engadindo esta nova unha hora despois de que unha chamada ao fixo (un número que SO TEÑEN meus pais e miña sogra) dunha empresa de non-sei-que despertase aos meus pequenos da siesta.


Cousas da publicidade

Product placement personalizado en función do target. BRU-TAL. Dos mellores avances publicitarios dos últimos anos, e nun dos formatos menos molestos como é o emprazamento publicitario (opinión persoal). Por certo, é unha das cousas sobre as que está a traballar unha das empresas de Bill Gates (o de Microsoft!), BEN (Branded Entertainment Network)

Tamén é certo que é algo que vimos na Eurocopa este verán: a retransmisión insería vallas publicitarias diferentes en función do país no se se emitía o partido. So que agora, será aínda máis segmentado.


Mundo Mac

Despois de que Xiaomi actualice os walkie talkies… Microsoft Teams lanza a súa súa app Walkie Talkie para todos os usuarios (de iphone).

Moito ruxe-ruxe cos novos macbook redeseñados para a volta das vacacións, pero aínda nada en firme. Por certo, se che gustan os ruxe-ruxe de mac, voces autorizadas (en RUMORES) son MingChi Kuo, Mark Gurman ou Jon Prosser. A min so me calan as filtracións do primeiro.

Twitter está a probar un botón de “non me gusta”, de momento so para iPhone, e creo que é, de amosar os “non me gusta” de forma pública, vai a ser un pau forte. Os “non me gusta” están presentes de forma implícita na ausencia dos “gústame” de cada publicación.


Caixón de-sastre

Juanjo Cardenal, a quen todos escoitamos pero nunca vimos (era a voz de Saber y Ganar) pasa a mellor vida: xubílase. Merecida homenaxe aquí.

Outra de historia. Como foi o ocaso das civilizacións maias? Pois están tratando de averigualo a través de restos fecais fosilizados. Spoiler: o cambio climático tamén tivo certas consecuencias.

Queda para o final, pero porque é unha nova tan desoladora… EAPN recolle unha información devastadora: case o 26% da poboación galega está en risco de pobreza ou exclusión. Para que o entendan os que “miden as distancias en campos de fútbol”, a infografía que acompaña o texto:

f3247f0a de71 4aff a27f

E nada máis por esta semana. Deica a próxima!