Unha semana escura, mesmo para a tecnoloxía
Esta semana, dende o punto de vista da actualidade, foi bastante escura. Traio moitas lecturas interesantes, algunhas escuras, mesmo macabras. Avisadas quedades.
Alégrome polos veciños italianos, pero danme moita lástima o que previsiblemente comezou a suceder en Inglaterra. Seica a violencia de xénero dispárase no país un 26% cando xoga a súa selección, e aumenta ata o 48% cando perde.
Xa levamos un ano con apps de rastexo da covid. Funcionan? Este artigo revisa as priemeiras evidencias. En España so a instalou o 19% da poboación. En xeral, os resultados amosan conclusións dispares… nalgúns países funcionou, noutros non. Eu estou por eliminar o Radar Covid (si, en plena 5ª ola) polo enorme consumo de batería que me supón (máis do 10%). O aumento das notificacións tamén cansa.
Vemos pareidolias (obxectos inanimados que interpretamos como caras) en todos os lados. E en Gizmodo explícano. A min encántame ver este tipo de caras. Aínda lembro as vetas da madeira do armario da casa de meus pais e os dous cadelos boxer que me miraban fixamente todas as noites.
Cobran o IVE ás tendas de fóra da UE e xa hai tendas chinesas que pechan. Entre elas, Eglobalcentral. En xeral, a fiscalidade a nivel global empeza a ser obxecto de interese para o cidadán de a pé… harmonización do imposto de sociedades, impostos ao sector dixital… ollo tamén ao anteproxecto de lei de Startups en España.
Falando de cobrar… Amazon podería mercar os dereitos para tres xornadas de La Liga. Sabedes o que me importa? Cero. Pero sabedes como nos vai afectar? Amazon Prime máis caro. #AlTiempo.
Aplicacións para arrombar a casa. Eu nin así.
O proceso de homoxeneización da Internet é fascinante. Ata as xergas xuvenís. Consecuencias da web visual.
Microsoft leva Windows á nube con 365, e poderemos executalo vía navegador. A solución para ter windows no ipad! :D Por certo, unha aposta –a da virtualización– diametralmente oposta á de Apple, que cada vez aposta máis polo local (ata Siri se executará en local en ios 15). A min isto da virtualización paréceme ben, porque non é preciso ter o hardware potente, pode estar noutro lado (nube) executando as tarefas pesadas como exportacións de vídeo.
Ao fío deste tema, volvín a publicar un podcast! Este Zona Wifi (classic) é para mollarme e valorar se realmente un ipad serve para traballar. 15 minutiños de sabedoría e reflexións vitais ;-)
Cousas da publicidade
Ao fío da nova sobre violencia de xénero en Inglaterra, tremenda campaña que se marcou o NDDV – National Centre For Domestic Violence para visibilizar este grave asunto.
Videos personalizados en TikTok como formato publicitario. chegan os “Shoutouts”.
Instagram e Facebook comezarán a pagar aos creadores de contido. Xa hai tempo que o fan cos youtubers. É de xustiza. E seguro que se moven porque TikTok tamén o fai.
Mundo Mac
A campaña de Apple para estudantes e membros da comunidade educativa está en marcha dende esta semana. Podes mercar un ipad ou mac a un prezo máis reducido e levando uns airpods de regalo. Nin tan mal :)
Pasaron máis cousas sobre Apple? Si, pero son irrelevantes.
Caixón de-sastre
Na categoría “Mundo Eco”, a voz de alarma da ciencia brasileira: o Amazonas xa emite máis CO2 do que absorve. É un estudo publicado en Nature, e é desoador.
A filosofía de Bauman chega a todos as áreas. Esta semana lin sobre o “traballo líquido”. A afirmación sobre as 5 xeracións que coinciden no mercado laboral fíxome reflexionar sobre as diferentes concepcións laborais. Para min hai dúas: empregados estables e empregados fod***s. Se coinciden con empregados públicos e empregados da privada, alá ti. Do que si estou canso é do de “traballar por proxectos”. O único proxecto no que ha de interesar traballar é a VIDA.
Sobre traballo, remunerado e non remunerado, “non se podía saber” que a carga de traballo doméstico e coidado de menores se acentuou coa pandemia…nas mulleres. Para nada esperable, eh?
TODA A MIÑA SOLIDARIEDADE coa veciñanza de Soria que non poden durmir pola finca de mazairas. Nin “España Vaciada”, nin gaitas. Os veciños e veciñas de La Rasa merecen poder durmir.
Un par de curiosidades históricas. O tifón que evitou que os mongoles conquistaran Xapón (para min sempre foi unha intriga, o maior imperio do mundo… e quedan ás portas do arquipélago xaponés?) e a demostración empírica (ou apertura de interrogantes ???) de que a época dos romanos era máis globalizada do que parecía. Chineses en Londinium? O seguinte, galegos na China previa Marco Polo ;-)
E ata aquí, esta newsletter. Feliz domingo!