Será a ilusión das primeiras publicacións, pero creo que está a ser máis sinxelo do que inicialmente tiña previsto. Sexa como for, aquí van algunhas cousas interesantes que lin esta semana.

Aquí van algunhas cousas que lin esta semana e que me pareceron, cando menos, curiosas.

A futura norma Euro 7 podería deixar a Europa libre de automóbiles a combustión antes do previsto. Tardarán en velo os meus ollos, porque ao final seguro que a norma non é tan estrita despois das negociacións co lobby automobilístico.

Non quería meterme en política, pero que a Xustiza avale o cartel de Vox en Madrir dicindo que “son un problema social” paréceme cruzar unha liña vermella na liberdade de expresión.

A “caza e captura” sobre @s influencers continúa. En Noruega prohibirán ás influencers publicar imaxes retocadas sen avisalo. En realidade afecta a medios online e offline, pero é certo que o impacto dos contidos en redes como configurador da opinión pública e creación de marcos mentais é maior, así que non debería sorprender esta nova.

Todos e todas tivemos uns walkie-talkies de pequenos. E se non tiveches ti ou os teus primos/as, non tiveches infancia. Pois a algunha empresa de tecnoloxía ocorréuselle actualizar este trebello. Estaba claro, tiña que ser Xiaomi.

Os mellores sistemas de wifi mallada. Levo varios meses cunha destas redes na casa, e solucionáronse case todos os problemas de conectividade. De feito, falei disto no meu podcast e sigo mantendo palabra por palabra o dito.

Sigo con moita atención, dende o seu lanzamento en España, a Grover, a empresa que aluga a tecnoloxía no canto de vendela. Teño ganas de probar algúns trebellos, e esta pode ser a solución. Dende logo, para portátiles, se a túa intención é renovalos nun prazo de ano-dous anos, é unha moi interesante opción de renting.

Mundo Mac

É android, vale, pero a orixe é apple. Non se podía saber que a política de seguemento/rastrexo de Apple para coas empresas na súa tenda de apps… implicaría un aumento do gasto dos anunciantes en Android. Ao parecer, menos de 1/3 dos usuarios de Apple permite que a aplicación rastree aos usuarios. Eu desconectei o rastreo de todas as apps e agora a publicidade que me chega é MOI TOLA :D

Amazon e Apple en España, da man para facer o mal. España investiga a estas dúas empresas porque poderían ter aplicado restricións con vendedores minoristas de produtos de Apple e a publicidade dos produtos de Apple (vou ter que crear un apartado específico para cousas de publicidade, eh?). Supón unha limitación da competencia, de ser o caso.

Unha de seguridade… ou non. A Folha de S.Paulo publica como os criminais desbloquean os iPhone para roubar datos (e cartos) bancarios. Collen a tarxeta sim, cruzan datos en redes sociais e buscan o correo para desbloquear a conta. Vaia exercicio SIMPLE de enxeñería social.

Cada vez me interesa máis a relación entre saúde e tecnoloxía, e a punta de lanza de Apple para isto é o seu reloxo. Pois a propósito disto, complementos para monitorizar a saúde.

Caixón de-sastre

Non estou en idade de moto (non sei se “xa” ou “aínda” pero ver un scooter eléctrico con 120km de autonomía por 1600€ paréceme o golpe definitivo para a electrificación das motocicletas. Abro un patreon para que me financiedes a moto e despois fago un par de reviews?

Lembrades a serie de AppleTV da que vos falei? (Home before dark). Not bad, pero que mal me cae a rapaciña. Tan mal, que so vexo os fallos no guión. O mellor destes días é que volveu (para a súa temporada final?) Seven Deadly Sins, que foi un anime que me pareceu simpático.

O “briconsello” desta semana é para limpar correctamente auriculares dos que se meten nas orellas. Entre que son case todos brancos (xenial para a cera, eh?) e que son difíciles de limpar… Ah, e lembroume este proxecto de lavadora que está á venda en Kikstarter (conseguiu, de longo, o financiamento).

E ata aquí chega esta newsletter. Que teñades un estupendo domingo!