Unha newsletter un chisco máis reflexiva

Esta será a derradeira newsletter de 2021. Tomarei uns días de descanso para afrontar un 2022 que comezará con algúns pequenos cambios no eido académico e probablemente tamén no persoal.

Hoxe non traio novas de interese, so algunhas reflexións. E nin todas tecnolóxicas.

Algunhas cousas que me fixeron pensar este ano.

Foi un ano raro, este 2021. Haberá quen o plantee, visto con perspectiva, como a “segunda temporada de 2020”. Tampouco ten pinta de que o #macrotema que monopoliza as nosas vidas sexa moi diferente en 2022, pero que sexa o que teña que ser, iremos cruzando pontes a medida que cheguemos a elas.

En outubro cumpríronse 20 anos desde a primeira vez que pisei a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Se tivese un tubiño polo que mandarlle mensaxes ao Xabi do pasado, diríalle que en 20 anos estaría dando clase na facultade que o pariu, con dous nenos marabillosos e con menos pelo (ben, esto último non llo diría porque xa o sabía entón). Tamén lle diría que fose menos fachendoso e que aproveitase o tempo, pero xa me imaxino a súa contestación.

O de “pasou hai 20 anos” é algo que me dá moitas voltas, eh? Os rapaces cos que comparto aula xa son todos da época “post-Google”, e o cambio na aproximación á adquisición de coñecementos é taaaaaan diferente…

E, falando de “pasou hai 20 anos”, esta nova foi a máis desgarradora do ano. Dos bebés fueron intercambiadas por error en un hospital de Logroño en 2002. Que si, que hai cousas máis graves no mundo e que afectan a moita máis xente que dúas mozas, pero imaxinas o que é “caer no lugar equivocado”? Que nacer no seo dunha familia desestruturada condiciona a túa vida, e ao revés.

E penso tamén en situacións que coñezo de cercas, onde, no mesmo seo da familia, nacen delincuentes e altos directivos, e… vaia, que cómo as estruturas sociais nos condicionan, nun mundo hiperliberal e individualista… en fin, que xa me dá voltas a cabeza.

Os escándalos de Facebook/Meta convértena na peor empresa do ano. Nada novo, a verdade. Continúo a ver a sangría… digo, perda, de usuarios nas redes sociais, eu entre eles, e creo que é unha fórmula sen volta atrás. Nun mundo no que volvemos á oralidade (as redes sociais, por moito que se escriba, son contornas de expresión oral), volvemos tamén ás micro-comunidades (efímeras e/ou privadas) ou comunidades tribais. Despois dun ano, a miña fuxida das redes foi un acerto. Entérome de menos cousas, si, pero tampouco era “coñecemento” stricto senso. Gañei algo de calidade de vida.

Vexo á Cuarta Ola feminista atacada por todas as esquinas dende unha Machosfera con representación en todos os estamentos sociais (medo me dá a presenza no Parlamento de España).

Non son ciberpesimista por natureza, son un ciberoptimista experimentado.

Pero, dito isto, tamén vexo cada unha ciencia imparable que creou vacinas para unha pandemia nun tempo record, unha motivación de exploración que non se vía dende a circunnavegación da Terra (a propósito do 500 aniversario) e que fixa a vista fóra do noso planeta. Vexo terraplanistas, pero non son perigosos. Danme algo de lástima.

Vexo unha sociedade cada vez máis motivada (ai, ese Xabi de 2002 non se imaxinaba hoxe separando lixo orgánico e compostando na súa cidade) e “ecoconsciente”, aínda que sexa porque a que se nos ven enriba non é pequena.

Vense motivos para a esperanza, con total franqueza.

Unha mensaxe de agradecemento

Se estás a ler isto, este GRAZAS é para ti. Aproximadamente a metade das persoas suscritas abrides a newsletter e facedes clic nalgunha ligazón (tranquilas, non miro mail a mail quen entra ou non). Outras persoas tédesme dado feedback por mail ou mesmo en persoa. Agradecemento especial a Amador, Evelio e Maríah polo tempo que tedes adicado a participar de forma directa ou indirecta nesta “zona weekly”.

En serio, que adiquedes cinco minutos do voso domingo ou luns a ler este correo é toda unha honra (diría tamén responsabilidade, mesmo sen ter milleiros de seareiros).

Para 2022, máis e mellor. Felices Festas.