Levamos xa seis ondas de covid, xusto as mesmas que en tecnoloxía.

De acordo coas teorías de Schumpeter, estamos inmersos na sexta onda da innovación e tecnoloxía. Xusto a mesma onda que coa Covid. Era un chiste fácil para introducir as novidades que marcan xa o noso presente tecnolóxico: intelixencia artificial, internet das cousas e hiperconexións ultrarrápidas.

f3023a6a da27 46a2 b40b

Imos aló coas lecturas desta semana

Semella que teremos un portal de emprego dixital – tipo infojobs? – público. Esta é unha reflexión que compartimos moitos durante anos. Cómo o SEPE, sendo o que é, deixou que houbera un mercado tan grande nas ofertas de emprego dixitais. Teño as miñas dúbidas de que realmente funcione o novo portal, e ogallá me trague as miñas palabras.

Dei o salto a Grover (renting de tecnoloxía)! Esta semana chegoume o Apple Watch (series 6, 44m) en réxime de aluguer. Creo que os 12,66€ que pagarei mensualmente son un prezo moi, moi bo. Ademais, o reloxo enceteino eu e trae de regalo 3 meses de fitness plus! Déixovos un link por se queredes entrar no renting da tecnoloxía. Con el, tedes un mes gratis vós e outro eu. Sobre este servizo creo que farei unha reflexión máis fonda no meu blog.

En realidade isto que comento sérveme para colar unha nova sobre a importancia de regalar tecnoloxía reacondicionada. Intereses económicos, medioambientais… algo que levamos facendo os que non temos medo de mercar produtos de segunda man, so que agora parece estar nunha nova magnitude.

Se tes un kindle, interésache algunha destas nove webs para descargar libros. Eu son do clan “kobo” pola liberdade que ofrece, pero recoñezo que a xente que está no ecosistema de Amazon teno moi sinxelo. De todas formas, aquí poderás descargar outras cousas sen pasar polo mastodonte dos libros en liña.

Se che gustaban eses libros de “onde está Wally”, aquí un par de xogos para móbil. Aos meus pequenos encántanlle este tipo de libros. Aínda non teñen idade para Wally, pero xa hai cousiñas nas librarías deste tipo.

Isto si que che vai interesar: moléstache esa notificación de “permitir notificacións” do navegador?. Pos aprende a desactivalas aquí.

Audiocousas

Creo que ben merece una sección a parte de audio, porque cada vez teño máis cousas sobre escoita. Esta semana, para inaugurar sección, van dúas cousiñas:

Amador e máis eu voltamos ao podcast para falar de produtividade. Poucas cousas tratamos, para o moito que podemos falar sobre este tema. Quedarán máis episodios sobre produtividade, seguro.

Falando de podcast, unha descoberta recente: Geopolítica Pop. Ameno, quizáis extremadamente simple, pero fácil de consumir, para quen lle interese o tema da xeopolítica como curiosidade. O malo? Exclusivo de Spotify. Xa sabedes que estou fuxindo moito desta plataforma.

Academiña

Esto que vos vou a contar ben podía ser unha #audiocousa, ben podía ser #academiña. No proxecto da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-Uvigo temos un podcast onde imos contando a investigación. Este é o episodio de presentación, e estoutro onde definimos mostra e metodoloxía.

Xa sabedes do moito que me presta a filosofía no/low coding. Esta semana lin un par de experiencias interesantes: esta sobre utilización deste tipo de ferramentas por parte dun deseñador, e este feixe de ferramentas no/low code para comezar no mundiño. A propósito deste tema, estou a impartir unha formación no marco da Uvigo sobre creación de apps móbiles con AppInventor, un lugar moi acaído para profesar a miña devoción para este tipo de ferramentas democratizadoras.

A fenda dixital tamén ten diferente pegada en forma de consumo. Se usas Youtube, Facebook e chat = pobre. Steaming de audio e consumo de novas = ricos. Cóntao El País, e aquí o paper correspondente (asina, entre outros, Esteban Moro. Para min xa é garantía de calidade).

Mundo Apple

Esta semana entrou en Chez Rolán un novo asistente de voz, o de Apple (Homepod mini). Francamente, está a moita distancia do asistente de Google. Se alguén ten un Alexa dot a bo prezo, teño interese en probalo.

Unha das ferramentas que máis boto en falta en mac (como parte do sistema operativo) é un xestor de elementos copiados (clipboard). Con Clipy-App ou CopyClip teño solucionado o tema. Creo que a xente que precisa máis vitaminas prefire Pasta, pero para min é demasiado. O único que non atopei foi a integración dos xestores de portapapeis integrados no botón dereito (se sabedes dalgún para mac, son todo oídos).

Expulsar discos externos en mac adoita ser un incordio. Con esta app poderás facelo de xeito automático cada vez que o equipo entre no modo “durmir”. Arregloume algunha dor de cabeza, agora que tendo a depender de discos externos (xa lle adicarei unha entrada no blog a este tema).

Caixón de-sastre

Que cousas! Microsoft tentou mercar Nintendo en 1999. O caso é que os “xapos” ríronselles na cara. E non lles vai tan mal. O que non conta a historia é como Microsoft mercou Rare, un dos estudos que fixo dos mellores xogos para Nintendo (Goldeneye para Nintendo 64, por exemplo). Esta historia lembroume cando Netflix petou na porta de Blockbuster pregando ser mercada para levar a parte dixital do negocio dos videoclubes, e tamén se lles riron na cara (creo que foi en 1997). Xa sabedes como estaba Blockbuster dez anos despois e como está Netflix agora.

A fenda do pensmento, ou como cremos que a xente non pensa en ti. Subestimamos a frecuencia coa que a xente pensa en nós. Para que lle deas á cachola unha semana máis.

Agora si, feliz domingo!